A Deputación reclamará á Xunta un plan económico para desenvolver a rede de telefonía móbil

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación reclama á Xunta un plan económico para que os concellos poidan desenvolver a rede de telefonía móbil
feira do queixo de friol e pan de ousa7
29 Mar 2022

A Deputación de Lugo reclama á Xunta de Galicia que elabore un plan para que os concellos poidan afrontar os gastos que traerá consigo a instalación da rede de telefonía móbil que o Goberno autonómico proxecta para 290 entidades de poboación galegas. Piden que asuma directamente estes gastos ou que elabore un plan de axudas específicas para evitar que os municipios teñan que facer fronte coas arcas locais a estes investimentos. Así o acordou o Pleno provincial deste mes de marzo a proposta do PSdeG, cos votos a favor de socialistas e nacionalistas, e a abstención do PP.

O Deputado de Cooperación e Asistencia aos concellos, Xosé María Arias, explicou que o Goberno autonómico ten proxectado a mellora do servizo de telefonía móbil para mellorar a cobertura duns 7.000 habitantes galegos, pero deixando da man dos concellos os custos de levar a acometida eléctrica ás torres de telefonía móbil. “O plan de dixitalización do rural galego e lucense dista moito da realidade. A Xunta agocha que a parte máis gravosa dos traballos vai recaer nos concellos, xa que serán eles os encargados de atopar as parcelas para instalar as torres de telefonía, tamén terán que poñer estas parcelas a disposición da Xunta, así como sufragar todos os gastos que xurdan do proceso, tendo en conta que maioría das parcelas estarán situadas en mans privadas”, especificou.

Na súa intervención, Xosé María Arias explicou que “a Xunta saca peito de investir 3,7 millóns de euros de fondos públicos para este plan, o que supón 12.700€ para cada núcleo de poboación”, pero incide en que pola súa banda, “a Xunta reclámalle uns gastos  aos concellos que poderán supoñer un cargo nas arcas municipais de entre 60.000€ e 200.000€, dependendo do concello”.

“Este é o vello conto de invito eu e pagan os concellos”, ironizou. Arias reiterou que os socialistas están comprometidos coa dotación de servizos básicos para o conxunto da poboación e, neste caso, coa necesidade de contar cunha rede de telefonía móbil e de datos de calidade na provincia, pero evidenciou que non desta maneira que resulta “inasumible” para os concellos de menor poboación.

Ademais detallou que a Xunta vulnera a Lei 3/2013 de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia. “Non se impulsa a cobertura en todo o territorio porque se deixou atrás ao rural, nin se eliminaron os desequilibrios territoriais como di a norma; tampouco se buscaron fórmulas de colaboración con outras administracións; tampouco ten en conta as diferentes realidades de cada concello, nin o elevado custo que as obras da acometida eléctrica poñer supoñer para as facendas locais”, recalcou.

“É lamentable que case dous anos despois a Xunta non teña un plan integrado de dixitalización que estea financiado por fondos europeos, nun rural inmerso nesta enorme fenda dixital”, subliñou. “Esta é unha chapuza máis, un remendo do Goberno galego que non soluciona nada, e unha vez máis vemos como a Xunta encarga que paguen outros”. Así mesmo, afirmou que “entendemos que un goberno que deixa sen executar o 51% dos fondos europeos que percibe da Unión Europea, 1.400M€, non está lexitimado para reclamarlle aos concellos que asuman o custo dunhas infraestruturas básicas para o desenvolvemento de Galicia”.

Arias recordou, ademais, os anuncios de Feijóo en decembro de 2020 sobre a Estratexia Galicia Dixital 2030 que pretendía mobilizar 4.000 millóns de euros para aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sostible co impulso de solucións intelixentes no plano social, económico e ambiental, cunha estratexia que recollía fondos para o período 2021-2022. “O investimento para o período 2022/2023 é de 3,7M€ de fondos públicos, polo que custa crer que a ese ritmo se teñan investido os 2.400 millóns que prometera Feijóo antes de decidir que Galicia lle aburría e que era mellor marchar a Madrid”.

Declaración Institucional Ucraína

O Pleno aprobou unha Declaración Institucional para condenar a agresión que está cometendo Rusia contra Ucraína. Foi acordada de xeito unánime por PSdeG, BNG e PPdeG censurando a invasión de Ucraína por parte das tropas rusas, ademais de expresar a total solidariedade da institución provincial co pobo ucraíno, reclamar o alto ao fogo inmediato e a volta á vía diplomática como única fórmula para resolver as diferenzas e alcanzar acordos de paz, e ratificar a plena dispoñibilidade da institución provincial de axudar a paliar a crise humanitaria a través das vías establecidas polo Goberno de España.

De feito, a Deputación xa aprobou axudas por 28.000€ ao pobo ucraíno canalizadas a través da Cruz Vermella. Trátase dunha achega económica de 10.000€ e outra en especie por importe de 18.000€ que se destinará á compra de material básico de primeira necesidade que determinarán as organizacións que están traballando sobre o terreo e que poden ser dende produtos alimenticios a artigos hixiénicos ou sanitarios.

Agradecemento á cidadanía tras dous anos de pandemia

A sesión deste martes tamén aprobou unha declaración institucional de agradecemento ao conxunto da cidadanía polo seu comportamento na crise sanitaria cando se cumpren dous anos do inicio da pandemia da COVID-19. A proposta, que xa fora acordada polos partidos con representación no Pleno provincial -PSdeG, BNG e PPdeG- saíu adiante por unanimidade.

Esta iniciativa partiu da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e aclama os esforzos colectivos de solidariedade, diálogo e acordo para afrontar esta nova situación que provocou a crise sanitaria. Rende homenaxe á sociedade, tanto aos sectores privados como aos públicos e civís. O texto tamén se refire aos traballadores e traballadoras que prestaron servizo nos momentos máis duros, e ás administracións locais, autonómicas e nacionais. 

Cesión de dúas becerras á MOEXMU

Visto bo do Pleno á cesión gratuíta de dúas becerras da Granxa Gayoso Castro da Deputación á asociación de comerciantes, empresarios, profesionais, gandeiros e autónomos de Muimenta para a celebración da Mostra Exposición de Muimenta (MOEXMU) que se celebra esta próxima fin de semana. Unha colaboración que a institución provincial fai coa cita, ademais da achega de 33.000€.

PARTIDO POPULAR

O PP, convencido de que PSOE e BNG rexeitaron no pleno da Deputación as súas propostas para paliar a crise na provincia co fin de reservar cartos para convenios só cos seus concellos.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, di que a postura mantida polo goberno provincial non responde a “unha cuestión de cartos, é unha cuestión de vontade, de falta de vontade”.

Os populares lamentan que as medidas que propoñían “que podían ser executivas na semana que vén, merecen o voto en contra do goberno da Deputación, vota en contra dun suplemento do Plan Único para os concellos e vota en contra tamén  de axudas para os sectores produtivos afectados pola inflación”.

No PP aseguran que socialistas e nacionalistas, “cando lles toca a eles ser executivos, poñerse as botas para traballar, prefiren de novo limitarse a botar as culpas á Xunta de Galicia”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1535542011261