A Deputación reforza a promoción en Fitur presentando en Turespaña a súa nova campaña

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A campaña Lugo, provincia de cine é un proxecto que promove as visitas turísticas vinculadas aos escenarios de producións audiovisuais.
Rodaxe Live is Life_0
13 Jan 2022

A campaña Lugo, provincia de cine é un proxecto que promove as visitas turísticas vinculadas aos escenarios de producións audiovisuais rodadas na provincia, como O que arde, Dhogs, Live is Life ou O sabor das margaridas, entre moitas outras.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentará a nova campaña de turismo da institución provincial, Lugo, provincia de cine, o vindeiro xoves 20 de xaneiro no stand de Turespaña na Feira Internacional de Turismo (Fitur). Así o anunciou este xoves a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, quen subliñou ao respecto que a institución provincial reforza deste xeito a proxección da provincia. “Ter un espazo no expositor de Turismo de España, coa presenza de operadores nacionais e internacionais, é unha oportunidade moi boa que amplía claramente a proxección da provincia e consolida a nosa capacidade para seguir competindo con éxito no mercado turístico de primeiro nivel”, asegurou.

Foi o propio presidente o que acordou a participación da Deputación de Lugo no expositor de Turespaña en Fitur durante a reunión que mantivo esta semana co Secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés Verelst, na que ademais falaron sobre iniciativas de interese para seguir impulsando o potencial turístico da provincia de Lugo de maneira sostible.

Coa campaña que presentará na Feira Internacional de Turismo, Lugo, provincia de cine, a institución busca fomentar as visitas turísticas vinculadas aos escenarios de producións audiovisuais rodadas na provincia, como O que arde, Dhogs, Live is Life ou O sabor das margaridas, entre moitas outras. O obxectivo é dobre. Por unha banda, seguir dinamizando a actividade turística no rural en zonas cun grande valor paisaxístico, cultural e etnográfico, que non sempre figuran nas rutas máis convencionais. E, por outra banda, continuar apoiando á industria audiovisual, como xeradora de emprego e de cultura, dentro da política de apoio ó sector desenvolvida pola Deputación.

Para García Porto, “o modelo de turismo sostible, de calidade, desestacionalizado e en contacto coa natureza que impulsa a Deputación está a dar froitos moi positivos, mesmo en tempos de pandemia. O turismo é unha ferramenta para deseñar o futuro do rural, creando emprego de calidade. Se o combinamos coa actividade económica que xeran as rodaxes e coa proxección do territorio que supón a presencia de Lugo nas salas de cine e plataformas audiovisuais internacionais, penso que acadaremos un efecto multiplicador moi relevante”.

A deputada de Turismo explicou que a institución comunicou onte á Xunta de Galicia que non estará no stand de Turgalicia, unha decisión que adoptou debido á “imposición de condicións inaceptables” por parte da Administración galega, “ao entrometerse e condicionar a organización dun acto que preside e do que só é responsable a institución provincial. A Xunta decide sempre de maneira unilateral a axenda, as datas e os tempos, tratando de relegar ós propios representantes da Deputación e aos seus invitados a postos secundarios. Todo para apropiarse do protagonismo na presentación dun proxecto que non é seu, e no que non participan para nada”. “Á Deputación nunca se lle ocorrería impoñer a planificación dun acto á Xunta. Queremos o mesmo respecto institucional e poder organizar con liberdade unha presentación que se axeite ás características da campaña e da propia estratexia que temos na Deputación en materia turística e, por suposto, que respecte o papel de cada representante institucional”.

Pilar García Porto afirmou que a Xunta “leva anos incumprindo a cortesía e o respecto institucional. O stand de Turgalicia non pode ser unha pasarela para que desfilen os altos cargos da Xunta, ten que ser o grande escaparate do turismo galego”.

Para a deputada de Turismo, “o obxectivo da Deputación foi e será sempre conseguir a máxima proxección e repercusión da oferta turística coa que contamos na nosa provincia, deseñando programas atractivos e colaborando cos representantes do sector para conseguir un obxectivo común, que é dar a coñecer Lugo e atraer visitantes ao longo de todo o ano para xerar riqueza e emprego, sobre todo no rural”.

Neste sentido, García Porto espera “que en anos sucesivos a Xunta de Galicia tome nota e teña en conta as opinións e as necesidades das Deputacións á hora de deseñar a axenda de Fitur, de repartir as datas e os tempos, e de organizar o protocolo cos invitados”.

0.13524198532104