A Deputación renova unha canaleta que atravesa a rúa Xela Arias de Sarria

SarriaXa
A Deputación renova unha canaleta en Sarria. Estes traballos execútanse na vía provincial LU-P-5714, que conecta Mazadoiro con Lamarrigueira.
obras sarria
11 Nov 2021

A Deputación de Lugo acomete estes días obras na estrada provincial LU-P-5714 que une Mazadoiro con Lamarrigueira para renovar unha canaleta de auga con rexa que atravesa a rúa Xela Arias. Uns traballos que teñen un custe de algo máis de 8.500 euros.

Estes labores acométense á altura do punto quilométrico 0,5, na intersección coa rúa Porvir, para demoler a canaleta con reixa existente e colocar unha nova prefabricada de formigón con reixa, conectándoa á rede de pluviais. Á súa vez, reponse a pintura do paso de peóns e todos aqueles servizos que se poidan ver afectados polas obras.

Debido ao paso do tempo e ao elevado número de vehículos que transitan pola calzada cada día a reixa foise deteriorando . Trátase dun canal que ten 10 metros de lonxitude e que ocupa o ancho da calzada, cunhas dimensións interiores de 35 cm de ancho e 45 cm de fondo. A previsión é que os traballos queden rematados esta semana.

Esta é unha actuación que se enmarca no traballo constante que a Deputación executa para manter nas mellores condicións posibles o conxunto da rede viaria provincial, que comprende máis de 4.200 quilómetros, a máis longa de toda España e tres veces maior que a da Xunta en Lugo.

Estes investimentos responden á prioridade do Goberno provincial de mellorar a mobilidade na provincia como un factor que contribúe ao equilibrio territorial e á calidade de vida da cidadanía.

0.16048216819763