A Deputación urxe á Xunta a recuperar a sanidade galega

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación urxe á Xunta a poñer en marcha un plan para recuperar a sanidade galega e que cumpra coa conservación do patrimonio.
deputacion Pleno Ordinario Xuno
30 Jun 2021

A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia a posta en marcha dun plan para recuperar a sanidade Galega. Logo de que a pandemia agravase as deficiencias do sistema sanitario autonómico, que se viñan denunciando no 2019, a institución provincial esixe que se traballe para volver á situación anterior á pandemia como un primeiro paso mínimo, segundo unha moción presentada polo PSdeG no Pleno celebrado hoxe que foi aprobada co apoio do BNG.

“A Xunta tenta aproveitar a necesidade de loitar contra a pandemia para agochar as deficiencias do sistema sanitario que se viñan denunciando no 2019. E que carece de ideas para volver á situación anterior á pandemia, que sería un primeiro paso mínimo”, denunciou a voceira provincial socialista, Pilar García Porto. “Seguen enriba da mesa os problemas de Atención Primaria; a perda de especialidades e peches de consultorios no rural; a temporalidade do persoal, sobre todo dos ATS; o colapso das Urxencias ou a incapacidade para atraer profesionais de especialidades como pediatría”, asegurou Porto. A voceira socialista engadiu que “todo iso estaba pendente de amaño antes da Covid, e vai seguir de novo enriba da mesa despois”.

García Porto denunciou que as listas de espera en Atención Primaria chegaron ata os 15 días por motivo da pandemia; que a espera media para operarse na área sanitaria de Lugo é de máis de 79 días, a que máis demora acumula de Galicia xunto con Ferrol; ou que para as probas diagnósticas relacionadas coa otorrinolaringoloxía hai que esperar unha media de case un ano -315 días- cando no 2019 estaba en 90. A voceira tamén apuntou que na etapa de Feijóo na Xunta perdéronse preto de 1.100 postos de persoal sanitario só en Atención Primaria, e que xunto coas xubilacións previstas no 2024 –outros 1.500 profesionais- “é preciso facer un esforzo de contratación”.

Sinalou Porto os problemas de atención pediátrica que sofren os concellos da provincia, como Abadín, Alfoz, Baralla, Becerreá, Castro de Rei, Castroverde, Corgo, Chantada, Foz, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Ribadeo ou O Valadouro; ou que as reducións de persoal son a norma en moitos municipios do rural. Denunciou que localidades como Antas de Ulla pasaron de 3 médicos a un; que Baleira ten un só médico, como en Pedrafita do Cebreiro ou en Navia de Suarna, que en verán triplica a súa poboación; que en Carballedo pechouse o centro de saúde de Castro; que Castroverde perdeu un médico; como Palas de Rei e Taboada, onde un dos 3 médicos está de baixa indefinida.

A voceira socialista sinalou tamén a necesidade de reabrir as consultas presenciais nos centros de Atención Primaria, porque as citas telefónicas van en detrimento da calidade na atención aos doentes.

Defensa do patrimonio

Por outra banda, a Deputación de Lugo tamén lle reclama á Xunta de Galicia que cumpra coa súa obriga de conservar o patrimonio cultural de Lugo. Así o recolle unha moción presentada polos socialistas que saíu adiante cos votos do BNG na sesión plenaria deste martes.

A voceira do grupo socialista lamentou que o investimento da Consellería de Cultura e Educación previsto para o 2021 en Lugo é de 700.000€ para restaurar a igrexa de San Pedro e outros 500.000€ para o claustro da Catedral. En total, 1,2M€ que representan o 0,01% dos 11.563M€ “dos orzamentos récord da Xunta”. García Porto denunciou que no ano 2018 só se destinaron 10,2M€ ao gasto en Protección e Xestión do Patrimonio Cultural e Artístico na nosa comunidade autónoma, “unha cifra que nos sitúa no furgón de cola no gasto de protección e xestión do noso territorio”.

Reprochou a voceira socialista a “política errática” da Xunta na declaración de BIC, pola falta de recoñecemento e interese en bens importantes na provincia. “A Xunta nin fai nin deixa facer, nin axuda aos concellos a facerse co patrimonio nin expropia cando o risco é extremo. Non hai un plan de traballo para axudar a conservar o patrimonio cultural en mans privadas”, denunciou Porto.

García Porto puxo o exemplo das torres de Caldaloba en Cospeito, de Sarria e de Taboi en Outeiro de Rei como mostra do “abandono e desidia” da Xunta de Galicia do patrimonio protexido da provincia.

A Fonte das Lavandeiras

O Pleno tamén aprobou a cesión gratuíta da titularidade da Fonte das Labandeiras ao Concello de Lugo, unha obra de Francisco Pérez Proto, para a súa promoción como ornato da praza situada entre as rúas Manuel María e Túnel de Oural. Trátase dunha peza que pon en valor a figura das lavandeiras do Miño recorrendo a un material de tanta tradición en Lugo como é a cerámica, e que contribúe deste xeito a incrementar a presenza de referentes femininos no espazo público.

Modificación do Orzamento

Por outra o Pleno da Corporación Provincial aprobou a proposta de modificación do Orzamento da Deputación 2021, vía suplemento de crédito, por un importe de 323.900,24€ para asumir gastos do Plan Único de diferentes concellos correspondentes a anualidades anteriores.

OPOSICIÓN

Pola súa banda, o PP lamenta que o PSOE empregue a defensa do patrimonio cultural de Lugo “como loita partidista en non como elemento de cooperación”

O popular desmontou a versión dos socialistas, pois foi o Goberno galego o que creou o marco legal axeitado cunha Lei de Patrimonio Cultural e ten investidos 17 millóns de euros para a posta en marcha de proxectos como os Plans da Ribeira Sacra e das Catedrais, a mellora da Catedral de Lugo, o Camiño de Santiago e, no caso concreto de Caldaloba, está a executar os estudos de reconstrucción

“Isto déixaos en mal lugar”, afirmou, engadindo que, cando goberna o PSOE, “o Patrimonio devólveno sempre en mal estado”. Así se pode observar tamén, segundo indicou, na Casa da Botica, situada en Guitiriz.

Considera que os socialistas “non distinguen as verdades das mentiras” e cuestiona o papel da voceira García Porto, xa que “ser portavoz da nada é moi difícil, como tamén o é defender a inactividade dun organismo que non fai nada”. Iso é o que provoca, engadiu,” entrar en contradicións” e, en consecuencia, “na falta de credibilidade”.

Ademais, socialistas e nacionalistas abstivéronse na votación da moción popular para instar ao Goberno a desbloquear a tramitación da Gran Senda do Navia, que beneficiará a sete concellos da montaña lucense e a nove asturianos.

Castiñeira explicou que “no pleno de hoxe, unha vez máis notouse o receo do goberno provincial a apoiar iniciativas positivas para a provincia só porque as propón o PP”. 

Os populares ofreceron ao PSOE aceptar como emenda de engádega a que na práctica era unha emenda de substitución á moción para instar ao Goberno de Sánchez a desbloquear a tramitación da Gran Senda do Navia, pero o principal grupo do goberno provincial rexeitou a oferta.

O portavoz popular, Javier Castiñeira, di que non se entende a abstención de socialistas e nacionalistas porque a Gran Senda do Navia “é un proxecto capaz de dinamizar a comarca da montaña lucense” e dado que estamos nun momento no que hai fondos europeos para a reactivación.

0.23670721054077