A Deputación urxe á Xunta a reformular a Atención Primaria e impulsar os xeodestinos

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Pleno acordou pedir que se dote de máis profesionais especialistas os centros de saúde e se melloren as condicións laborais do persoal.
toma posesion novo deputado pleno deputacion
1 Dec 2021

A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia a reformular a Atención Primaria no Servizo Galego de Saúde (Sergas) co obxectivo de que sexa máis eficiente en canto á atención á veciñanza e á xestión. Unha decisión que foi acordada no Pleno ordinario de novembro, ao aprobarse unha moción defendida polo PSdeG, que contou vos votos a favor de socialistas e nacionalistas, e en contra do PP.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, explicou que dende hai un tempo existen numerosas reivindicacións e queixas por parte de pacientes e traballadores pola deficiencia de recursos materiais e humanos “froito das políticas de recortes executadas polo Partido Popular na Xunta de Galicia e, no seu momento, polo Goberno de España”. Indicou que “Galicia afronta a situación cun problema de persoal grave no sistema sanitario público” e engadiu que “temos sensación de desatención ante a precariedade da nosa sanidade”.

A administración provincial insta a que se reforce o cadro de persoal con máis especialistas e pide a mellora das condicións de eventualidade para os profesionais do Sergas, facendo contratos máis estables. A voceira socialista do Goberno tamén puxo o foco en que se debería implantar unha xerencia de atención primaria en cada Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI), dotándoa de recursos e autonomía de xestión, á vez que se promova a conexión entre os servizos de saúde mental e a atención primaria.

García Porto expuxo con datos que Galicia “é a terceira peor comunidade autónoma de España en ratio de médicos e médicas por habitante, aproximadamente 450 por cada 100.000 habitantes, cando a medida do país é dos 480”. Tamén subliñou que é a terceira comunidade con peor ratio de enfermeiros e enfermeiras por paciente con 5,4 por cada 100 habitantes, cando a media española está no 5,9 e 8 a europea. “Temos, ademais, a peor ratio de profesionais en saúde mental, e estamos por debaixo da media estatal en matronas por habitante, e en pediatría non chega ao 90% de prazas de atención primaria cubertas por pediatras, mentres comunidades en situacións parecidas, como Asturias, supera o 98%”.

“A poboación non está satisfeita, a sanidade deteriorouse nos últimos anos, e non só o ve a veciñanza, senón tamén as multinacionais que veñen instalarse á nosa provincia para facer negocio ao haber nicho de mercado, non veñen para salvar a sanidade”, manifestou a Deputada. Nese sentido, puxo o foco en que “a xente con poder adquisitivo e recursos acude á privada para poder ter unha atención que na pública non consegue, pero os que non os teñen quedan desatendidos e sen ter o que lles é de xustiza”.

Xeodestinos

No Pleno de hoxe tamén saíu adiante unha proposta socialista para instar á Administración autonómica a abrir un proceso de diálogo cos concellos e deputacións para clarificar a situación real do actual mapa de xeodestinos.

“Queremos que o mapa que se acorde ou se aprobe en colaboración cos concellos teña un carácter oficial e teña o visto bo do Parlamento e se publique no Diario Oficial de Galicia, como pasos previos para actualizar a información oficial na web de Turismo de Galicia”, explicou a voceira socialista do Goberno. Ao fío diso, lembrou a Deputada que actualmente a web de Turismo de Galicia recolle 14 xeodestinos, sen reflectir así a realidade, ao faltar o xeodestino Ancares-Courel. 

“Non sabemos se hai interese mediático ou é unha falta de deixadez por parte da Xunta, por iso pedimos que desenvolva un marco normativo para definir con claridade o proceso de creación dos xeodestinos así como a definición dos seus órganos xestores, funcións, competencias e os mecanismos de modificación do mapa”.

Pilar García Porto expuxo que sería necesario que o Goberno autonómico habilite unha liña específica de financiamento para os xeodestinos galegos, con fondos repartidos con criterios obxectivos, que garanta unha achega de fondos que permita aos concellos que se conforman desenvolver unha actividade planificada e continuada no tempo. “Pedimos un modelo que conte cos concellos porque agora mesmo os concellos estanse organizando pola súa conta sen contar coa Xunta porque non os recoñece oficialmente, pero si que asina convenios de colaboración con eles”.

Toma de posesión

Por outra banda, na sesión plenaria deste martes, tomou posesión como Deputado José Fernández Vázquez. O concelleiro de Samos polo Partido Popular releva así a José Antonio García. Fernández Vázquez prometeu o seu cargo sobre a Constitución e recibiu o diploma acreditativo e unha réplica da medalla que distingue aos representantes provinciais.

BNG

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou unha proposta de goberno, impulsada polo BNG, que esixe á Xunta a retirada das modificacións da lei de montes veciñais propostas na lei de acompañamento do orzamentos para 2022 que “supoñen un atropelo ao monte veciñal e ao intereses da veciñanza comuneira”. Nas comarcas de Lugo, integrada en 924 comunidades de montes.

Unhas modificacións, que ademais de introducirse pola porta de atrás, furtando o debate parlamentario, segundo explicou a deputada nacionalista, Mónica Freire, na práctica, supoñen que “a Xunta de Galiza poderá retirar a propiedade aos comuneiros e comuneiras por cuestións burocráticas como non actualizar o censo da veciñanza comuneira”.

A tamén responsábel de Medio Rural na Deputación de Lugo sinalou que “o único obxectivo destas modificacións é buscar excusas para confiscar a xestión á veciñanza comuneira e entregarlla de balde, por un tempo de 50 anos, ás empresas madeireiras e forestais”.

Mónica Freire insistiu na importancia social, ambiental e económica dos montes en man común – máis de 200 mil hectáreas- nas comarcas de Lugo e urxiu á Conselleria de Medio Rural a buscar solucións aos montes veciñais que non teñen constituídas comunidades.

“As administracións deberían velar polo s coidado, defensa, rexeneracion e mellora de aproveitamento dos montes. A Xunta entende que a prioridade non é esta, logo, quizais a que se debería declarar en estado de grave abandono ou degradado é a Consellería de Medio Rural”, zanxou.

A proposta, que saiu adiante cos votos a favor dos dous grupos de goberno e a abstención do PP, ademais de demandar a retirada as modificacións propostas na lei de acompañamento dos orzamentos, insta ao executivo a debater no seo do Consello Forrestal de Galiza a cuestión dos montes veciñais en man común, consultando a todo o sector e escoitando as comunidades de montes e as súas organización para rematar cun debate no Parlamento Galego.

0.1322660446167