A Deputación urxe á Xunta un plan de investimentos para a provincia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Pleno aprobou cos votos a favor do PSdeG e do BNG unha proposta de Goberno para pedirlle ao Executivo galego que impulse as infraestruturas pendentes na provincia, emende as deficiencias nos servizos públicos e impulse novas medidas.
pleno deputacion
27 Feb 2024

O Pleno aprobou cos votos a favor do PSdeG e do BNG unha proposta de Goberno para pedirlle ao Executivo galego que impulse as infraestruturas pendentes na provincia, emende as deficiencias nos servizos públicos e impulse novas medidas.

A Deputación de Lugo reclámalle á Xunta de Galicia un Plan de Investimentos para Lugo que impulse as principais infraestruturas pendentes na provincia, emende as deficiencias nos servizos públicos e impulse novas medidas en áreas como a atención ás persoas maiores e o acceso á vivenda, cun investimento semellante ao comprometido por Alfonso Rueda coa provincia de Ourense. Así se acordou no Pleno deste martes a proposta do Goberno provincial, contando cos votos a favor do PSdeG e o BNG e o voto en contra do Partido Popular.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, subliñou que a Xunta "ten que cumprir con Lugo. Está ben que veña o señor Rueda a Lugo agradecer o apoio que tivo nas eleccións autonómicas, pero ten que devolvelo. Ten que pagar ese apoio en forma de infraestruturas que teñen comprometidas dende a Xunta pero que non cumpriron dende hai anos, incluso décadas”, lamentou. Entre elas, explicou, proxectos coma a Rolda Leste, o Plan Paradai, o acceso ao Porto Seco de Monforte ou as obras da VAC Costa Norte.

O mandatario provincial tamén urxe ao Goberno galego a recuperar os servizos públicos no rural, reindustrializar A Mariña ou impulsar a construción de residencias públicas de maiores. Así mesmo, pide que consolide a oferta formativa do Campus Terra ou darlle maior proxección á Granxa Gayoso Castro, como centro investigador referente que é.

A Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, lembrou que “a concepción partidista da política á que nos ten afeitos o PP acadou un novo fito o pasado día 14 de febreiro, cando Alfonso Rueda se reuniu co presidente provincial do seu partido en Ourense para firmar un documento comprometendo un plan de investimento de 117M€". Explicou que incluía 12 medidas “concretas, serias, rigorosas e realizables” pero que chama a atención “a dilixencia coa que o señor Rueda promete en campaña os cartos que non executa dende a Xunta. Promete 10M€ para financiar unha residencia que vai construír unha fundación privada, tendo en conta a incapacidade da Xunta para construír prazas públicas”, ironizou.

Nas súas palabras, García Porto dixo que, "sen ter o menor ánimo de prexudicar os investimentos previstos noutra provincia galega como é Ourense, o goberno da Deputación de Lugo non pode deixar de reclamar para a nosa provincia un plan de investimento semellante que poña fin ao abandono das infraestruturas e á falla de investimento en Lugo e na súa provincia por parte dos gobernos do PP”.

Pediu a Deputada unha reunión do Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, coa Deputación de Lugo para poñerlle fin desta maneira ao desprezo institucional herdado do seu antecesor no cargo.

PARTIDO POPULAR

Antonio Ameijide lamentou que nin PSOE nin BNG son capaces de defender aos veciños da provincia xa que “defenden mocións nas que piden que a Xunta invista menos cartos na provincia de Lugo e néganse a esixir investimentos e compromisos reais do Goberno de Pedro Sánchez na provincia”.

Neste senso, Ameijide recordou que “tanto PSOE como BNG fixeron unha campaña de mentiras e os galegos dixéronlles que non llelas compraban”.

O voceiro popular recordou que os investimentos comprometidos pola Xunta de Galicia para 2024 na provincia de Lugo contan con visto e prace dos lucenses, “xa que o 54% dos veciños da provincia apoiaron a Alfonso Rueda o pasado 18 de febreiro”. “O presidente ten un compromiso co 100% dos lucenses e vai a cumprir”, afirmou.

0.16870784759521