A EDAR de Triacastela será ampliada cun presuposto de máis de 400.000 euros
Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta de Galicia, vén de adxudicar o contrato de obra da ampliación da estación depuradora de augas residuais de Triacastela por un importe de 434.010 euros.
Estas obras, cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), servirán para dar solución á problemática de que a actual EDAR está deseñada para dar servizo a uns 350 habitantes equivalentes e a poboación do municipio xa supera os 600. Ademais, con ela, mellórase o esquema actual do proceso de depuración.
De feito, a actuación, ademais de ampliar a capacidade de depuración actual, mellora o sistema, incluíndo a decantación primaria así como a renovación completa de todos os equipos. O prazo de execución das obras é de seis meses.
Con esta obra, a Xunta de segue mellorando o estado das masas de auga dos ríos e rías galegos. En concreto, de cara a este ano 2025, Augas de Galicia investirá 41,1 millóns de euros en infraestruturas de saneamento e que o 70% do orzamento total deste departamento irá destinado a actuacións en materia de saneamento e abastecemento.