A empresa Torta de Sarria conta xa con selo de calidade de Artesanía Alimentaria
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, fixo entrega da licenza de uso do selo de calidade Artesanía Alimentaria e da carta de artesá á responsable da empresa Torta de Sarria. Así, segundo destacou o director, “elévase a 35 o número de firmas adheridas e a arredor de 60 o de artesáns involucrados”.
O director destacou que “os produtos desta empresa de Sarria poderán diferenciarse agora no mercado con este distintivo que garantirá que a súa obtención se rexe pola norma técnica pertinente, que recolle unha serie de requisitos relativos ás materias primas ou aos procesos de elaboración autorizados, ó seu modo de presentación ou a como deben ser a rastrexabilidade e o control”. Cabe apuntar que a empresa creouse en 2015 coa idea de ofrecer repostería caseira e saudable, con ingredientes de primeira calidade, sen aditivos e utilizando materia prima dos produtores da zona sempre que fora posible.
Na súa intervención, José Luis Cabarcos referiuse así a Torta de Sarria como “unha aposta pola produción de proximidade, na mesma liña do que promove a distinción Km 0 de Galicia que lle foi outorgada tamén ó comedor do Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) de Becerreá e que acredita que se empregan alimentos provenientes de canles curtas de comercialización nos seus menús”.
Na dirección do impulso dos produtos alimentarios galegos, o director lembrou que “se está a tramitar a futura Lei da calidade alimentaria de Galicia, que busca consolidar as nosas producións de calidade diferenciada nos diferentes mercados. Así mesmo, no marco da Lei de recuperación da terra agraria dáselle preferencia á recuperación e posta en valor de terras acaídas para producións acollidas a distintivos de calidade, así como para producións que estean a optar a ese recoñecemento ou calquera outra marca de garantía de calidade”.
En canto ós orzamentos de 2023, José Luis Cabarcos destacou que “consignan 5,4 millóns de euros para fomentar a promoción dos produtos de calidade, na liña do que se fixo visible na II edición de “Galicia Etiqueta Calidade”. Así, “contémplanse partidas como os 1,5 millóns para accións como feiras, máis de 1 millón para campañas de promoción ou os máis de 500.000 euros para o impulso de ciclos curtos a través do mercado dixital oficial posto en marcha pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria”.