A Escola de Música abre as celebracións culturais do Nadal cunha semana de concertos na vila

A Escola de Música dará inicio ás celebracións culturais do Nadal na vila cunha programación de concertos que se desenvolverá ao longo da próxima semana e que levará a música a distintos espazos sociais e culturais. A iniciativa busca compartir o traballo do alumnado e achegar o ambiente festivo a públicos diversos nestas datas.
A programación arrancará o luns 15 ás 17:30 horas cunha visita á Residencia de Maiores Nosa Señora do Carmen, onde actuarán a mini banda e o coro de linguaxe musical. Ao día seguinte, o martes 16 tamén ás 17:30 horas, será a quenda do CAPD de Sarria, que acollerá unha nova actuación da mini banda e do coro de linguaxe musical.
As propostas abertas ao público concentraranse na Casa da Cultura. O mércores 17 ás 19.00 horas celebrarase o Concerto de Nadal no que participarán o grupo de percusión Os Petapouco, o Grupo de Música e Movemento, a mini banda e o coro de linguaxe musical. A programación completarase o venres 19 ás 19 horas cun novo Concerto de Nadal protagonizado polos clarisaxos e o grupo vento metal.
Desde a organización destacan que esta serie de concertos supón o comezo das actividades culturais do Nadal e unha oportunidade para amosar o traballo realizado durante o curso, ao tempo que se reforza o vínculo da Escola de Música coa comunidade.