A escritora de Paradela Sonia Arias presenta en Sarria o seu primeiro libro en galego

SarriaXa
Un dos momentos máis especiais da tarde chegou coa participación do alumnado de 5º de Primaria da Asunción, a clase do fillo da propia escritora, que recitou varios dos seus versos
Sonia-Arias-presentacion-libro-Sarria
26 May 2025

A Casa da Cultura de Sarria acolleu a presentación de Antes pasábase por aquí, o novo libro da escritora paradelense Sonia Arias, que supón ademais a súa primeira obra escrita en galego.

Trátase dun poemario intimista e cheo de memoria que rende tributo ao seu pobo natal, Vidul, e a tantos outros lugares do rural galego que hoxe se atopan en risco de desaparecer.

Acompañada polo concelleiro de Cultura, César No, e pola estudante de Socioloxía, Iris Rodríguez, Arias compartiu cos asistentes a emoción de ver por fin publicado un libro que nace do amor pola terra e da nostalxia pola vida que había nas aldeas.

Durante o acto proxectouse unha fotografía que a autora cualificou como “fermosa” do monte do seu pobo, unha imaxe cargada de simbolismo que puxo marco visual ás súas palabras.

Un dos momentos máis especiais da tarde chegou coa participación do alumnado de 5º de Primaria da Asunción, a clase do fillo da propia escritora, que recitou varios dos seus versos. “Foi un momento especialmente emocionante”, recoñeceu Arias, visiblemente emocionada pola implicación dos nenos e pola conexión xeracional que se creou a través da poesía.

Antes pasábase por aquí é un canto á memoria e á identidade, e representa tamén un paso adiante na traxectoria dunha autora comprometida co idioma e co territorio.

ENTREVISTA A SONIA ARIAS

A súa obra, ‘Los zapatos del lobo’ estaba en castelán, por que ‘Antes pasábase por aquí’ vai en galego?

Para poder elaborar con profundidade un sentido vital, en homenaxe ao meu pobo, fundamentalmente ás persoas, aos costumes ou tradicións, polo que non podía utilizar outra lingua que non fose o galego. Noutras ocasións falei do amor, da amizade, da sociedade… noutra lingua, incluso con traducións ao inglés, pero se vou falar da miña xente, de Vidul, dos regatos, ríos, camiños, carreiros, montes e serras, ou do abandono do rural, ten que ser en galego.

Ten algunha meta en concreto con ‘Antes pasábase por aquí’?

Sobre todo no persoal, defendo o meu idioma da mellor maneira que sei que é falando galego cada día. Tamén o meu fillo presume de lingua. Neste libro, en concreto, quero poñer en valor aos galegos e non só á lingua, partindo que todo é un conxunto. Apreciamos e atesouramos os nosos costumes ou tradicións e con iso mostramos interese polas dos demais. Mentres escribía o libro, intensifiquei os valores e consellos dos meus avós ou da miña xente. Chegar con todos eles ata aquí é unha meta, así como tamén o é a firmeza coa que sosteño os temas que trato.

Vidul, fío conector da historia?

Vidul é o faro dende onde teño visibilidade. É o meu pobo de referencia en particular transcendendo a todos os pobos de Galicia dun xeito xeral.

Que hai dentro deste título?

Un significado moi amplo, porque considero que os pobos están a quedarse nun rotundo antes pasábase por aquí. Meu pai dicía de xeito nostálxico por onde adoitaba pasar, antes, cando se desprazaba polo monte para ir traballar. Convertino nun verso e despois nun título. Cando sabes e queres escoitar, o que pasa ao teu arredor alcanza outra relevancia ou magnitude. Ese sentimento perdura no tempo e provoca un impulso que acaba sendo un pensamento e por último a miña interpretación. En ningún momento esquecín aos emigrantes galegos. A escritura para min é unha conversa  onde me pregunto cousas. Unha ferramenta para coñecerme e poder coñecer, e polo mesmo, darlle lugar ao que insiste e existe. Os temas da vida forman e transforman a narrativa persoal e saen versos nos que pretendo lembrarme de todos.

Que lle aportou na súa vida a poesía?

Entusiasmo, responsabilidade, solidariedade, busca, comportamento, conciencia, descubrimento. Dicía Uxío Novoneyra: “ O poeta é un gardador. Descubre, dona e garda”

Ten algún hábito ou manía ao escribir?

Un deles é o silencio. Os versos que máis destacan e os máis valiosos, intensos ou altos en emocións veñen dos silencios. Un longo silencio rescatou a un “antes pasábase por aquí ”. Iso si, cando ese silencio é interrompido por unha causa estúpida provoca un indubidable cabreo.

Quen acompaña este libro?

Tiña claro que sería Lomarti quen faría a portada do meu primeiro libro en galego. El soubo captar á perfección as poesías en conxunto e poñer cada cousa no seu sitio fora. Aquí dentro hai moita amizade e grandes persoas con talento cultural e artístico. Tamén sabía que Angels Fortune ía estar man a man comigo e con esta terra que tanto a namorou. Destaco a valentía e a profesionalidade da miña editora Isabel Montes. E, por suposto, ás persoas que están dende sempre ao meu carón, como o escritor Carlos Ulloa, un grande amigo que fai unhas presentacións profundas e reflexivas.

⚙ Configurar cookies
0.090430974960327