A escritora Sonia Arias presenta o seu novo libro 'Antes pasábase por aquí' o vindeiro 12 de maio

A escritora paradelense Sonia Arias presentará o vindeiro 12 de maio na Deputación de Lugo o seu novo traballo literario, un poemario titulado Antes pasábase por aquí, no que rende unha homenaxe ao rural galego, ás súas tradicións, á lingua e á memoria dos pequenos pobos coma o seu, Vidul, na parroquia de Aldosende, en Paradela.
A obra, que nace dunha lembranza persoal, parte dunha frase que, segundo conta a autora, lle dicía seu pai cando camiñaban polo monte: “Antes pasábase por aquí”. A partir desa expresión, Arias constrúe unha reflexión poética sobre o abandono progresivo do rural e a perda de costumes, lingua e identidade que, para ela, supón unha preocupación e tamén un compromiso.
“É unha poesía moi xeralizada, aínda que parte do meu pobo. O título abrangue moito, fala de todos os pobos. É cariño e amor polo rural, pero tamén expresa mágoa, porque vexo como se vai perdendo”, explica Arias.
O poema fai referencia á vida nos pobos, como as actividades cotiás que levaba a cabo a súa avoa e a xente da aldea; aos “pequenos detalles dun pobo” que, segundo a autora, están quedando esquecidos fronte ao avance das modas e das aparencias.
A frase que dá título ao poema xa fora recollida nunha revista da Deputación de Lugo, onde tivo moi boa acollida pola súa capacidade para sintetizar a realidade actual de moitas zonas do interior galego. “Reflicte en poucas palabras o que está a pasar en Galicia”, subliña a escritora.
Para Arias, a defensa do galego vai máis aló da lingua: “Non estou pechada a falar un idioma ou outro, pero quero que pensemos en galego. Vai todo xunto: lingua, cultura, identidade. O galego sempre foi unha persoa que anda polo mundo, e hai que levalo con nós a todos os sitios”.
Arias continúa así cunha traxectoria literaria marcada pola vinculación coa súa terra natal e o compromiso co patrimonio cultural galego.