A escritora Yolanda Álvarez promove 'Creativa Sarria' que acollerá diversas actividades artísticas

SarriaXa
Xunto co mestre de guitarra Luis Salgueiro porán en marcha un proxecto similar ao que teñen en funcionamento en Monforte
Creativa-Sarria-Yolanda
21 Xuño 2024

A escritora bovedense, Yolanda Álvarez, que guía o club de lectura de Sarria e tamén é profesora de baile, anuncia que en setembro abrirá un novo centro de ensinanzas artísticas xunto co mestre de guitarra Luis Salgueiro.

O proxecto, ‘Creativa Sarria’, estará localizado na rúa Matías López, onde se impartirán clases de piano, batería, baixo, guitarra eléctrica e acústica, violín, canto, baile, pintura, debuxo, inglés, manualidades, distintos tipos de baile, ximnasia e pilates, así como acollerá outros cursos e exposicións. “Intentamos abarcar todo tipo de actividades que teñan que ver coa música, o baile e a arte”, explica Yolanda.

‘Creativa Sarria’ será unha “réplica de Creativa Monforte”, o centro de ensinanzas artísticas que levan estes profesionais na cidade monfortina, Luis desde hai seis anos e Yolanda desde este curso, e que conta con 200 alumnos e alumnas.

Así, este novo espazo está dirixido a persoas de todas as idades, tanto nenos como adultos, co fin de “favorecer a inclusión e que todo o mundo teña cabida”, explica a mestra. E informa de que o prazo de inscrición xa está aberto para as actividades que comezarán en setembro, aínda que o día 25 xa terá lugar a primeira delas, xa que Creativa Sarria será a encargada de organizar o concurso de baile que terá lugar na praza da Vila.

0.1464958190918