A Estremonía Cantada celebra en marzo a súa décima edición en Sarria

SarriaXa
A cita organizada pola Asociación Peleriños terá lugar o 21 de marzo e reunirá grupos de canto tradicional por distintas tabernas da vila
Estremonía-Cantada-Cantos-de-Taberna-Peleriños-Sarria-2025
19 Jan 2026

A Asociación Peleriños de Sarria organiza o 21 de marzo a décima edición da Estremonía Cantada, unha celebración xa consolidada no calendario cultural da vila que volverá encher de música tradicional distintos establecementos locais. A actividade contará cun máximo de dez persoas por grupo e a inscrición realizarase por orde de contacto coa organización ata o 12 de marzo de 2026 ás 23:30 horas, a través do correo electrónico acpelerinos@gmail.com ou do teléfono 620 376 329.

A recepción dos grupos participantes terá lugar o sábado 21 de marzo ás 17:30 horas no local da Sociedade A Unión, situado na rúa Matías López 19, desde onde se iniciará a ruta musical, coa petición expresa de puntualidade por parte da organización. Cada grupo deberá interpretar un mínimo de dúas pezas e disporá dun tempo máximo de 30 minutos en cada local, seguindo os horarios e o percorrido establecidos pola organización.

A normativa da Estremonía Cantada permite o uso de instrumentos, aínda que todas as pezas deberán ser cantadas, e establece que o repertorio sexa preferiblemente tradicional. As persoas participantes estarán convidadas a unha consumición en cada taberna incluída na ruta e tamén á cea na Sociedade A Unión, con auga, viño do país ou cervexa incluídos.

Unha vez rematada a cea, cada grupo interpretará unha peza final e recibirá un agasallo pola súa participación. A xornada pecharase coa actuación do presentador Cé Orquestra Pantasma, nun ambiente festivo que busca poñer en valor a música popular e a convivencia arredor do canto tradicional. A décima Estremonía Cantada conta coa organización da Asociación Peleriños e co apoio do Concello de Sarria e da Sociedade A Unión.

⚙ Configurar cookies
0.076529026031494