A exposición de Martín de Padrozelos xa se atopa no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria
O IES Xograr Afonso Gómez de Sarria xa loce a exposición sobre o trobador Martín de Pradozelos, unha mostra que estivo en varios concellos da comarca e que, actualmente, aterra no instituto sarriao.
Desta maneira, o pasado luns 18 de outubro, abríronse as portas do centro á exposición didáctica sobre un dos primeiros trobadores da lírica medieval galego-portuguesa, Martín de Padrozelos. Para a inauguración contouse coa presenza de Luís Celeiro Álvarez (coordinador do traballo e presidente de APECSA) quen fixo unha introducción á órbita do mundo medieval e resaltou a importancia do Mosterio de Samos como eixo vertebrador da cultura desta época.
As dez cantigas, nove de amigo e unha de amor, foron musicadas polo grupo A Quenlla e gravadas nun CD, que axuda á revalorización deste autor medieval, que ten as súas orixes en Praducelo de Lóuzara (Samos), onde se conserva unha casa co seu nome. A vinculación de O Incio e de Samos coas orixes da literatura galega resultan evidentes para investigadores como Dulce Fernández Graña e Xulio Pardo de Neyra, os dous primeiros en publicar os seus traballos sobre o trobador e as súas cantigas, que se conservan nos cancioneiros da Vaticana e da Biblioteca Nacional de Lisboa.
Cada unha das dez cantigas constitúe un panel da exposición, que conta con dous máis, o primeiro, coa ficha técnica da mesma, incluídos os concellos polos que pasa o seu recorrido itinerante, e o doceavo, no que figura un mapa da zona
Asemade, neste acto de apertura, tívose a ocasión de escoitar a creación literaria dunha alumna vencellada familiarmente á terra natal louzarina de Martín de Pradozelos.
Ata o día 26 toda a comunidade educativa do Xograr poderá gozar desta exposición no Salón de Actos do Centro.