A Extensión de Sarria da EOI abre matrícula para inglés con novas modalidades para o novo curso

A Extensión de Sarria da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Lugo comunicou que xa está aberta a matrícula para as prazas vacantes de inglés do curso 2025-26, que se irán pechando a medida que se completen os grupos.
Para o vindeiro curso, nas instalacións do IES Gregorio Fernández, ademais dos grupos ordinarios habituais de B1, B2.1, B2.2 e C1.1 con horarios de tarde e tarde-noite, ofrécense novas opcións como un grupo básico A1-A2, orientado a persoas principiantes ou con nocións moi limitadas do idioma, que permite acadar a certificación A2 nun só curso. As clases impartiranse os luns e mércores ás 20:00 horas.
Ademais, hai un grupo semipresencial de B1, que combina unha clase presencial semanal os martes ás 16:00 coa realización de tarefas na aula virtual.
Para aquelas persoas que non buscan certificación pero queren comezar a falar ou mellorar as súas habilidades comunicativas dun modo práctico, a EOI ofrece dous obradoiros sen exames. O monográfico de destrezas orais A1, pensado para principiantes que desexan iniciar a fala e comprensión do inglés en situacións do día a día, terá lugar os xoves ás 18:00 horas. Pola súa banda, o monográfico de destrezas orais B2, para quen parte dun nivel intermedio B1 e quere perfeccionar a comprensión e expresión oral sobre temas diversos, celebrarase os martes ás 18:00 horas.
Esta oferta busca responder ás distintas necesidades formativas do alumnado, combinando formación oficial con opcións máis flexibles e prácticas.