A fábrica de Oural recibe o Premio Excelencia Química Empresarial de Galicia 2025

A fábrica de cemento de Oural foi distinguida co Premio Excelencia Química Empresarial de Galicia 2025, un galardón que lle entregou o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez Iglesias, á directora de Proxectos de Votorantim Cimentos España, María Gandoy. O recoñecemento, outorgado polo Colexio Oficial de Químicos de Galicia (Colquiga), pon en valor a contribución da factoría como motor económico e o seu apoio á formación de profesionais galegos no ámbito químico.
Colquiga, xunto coa Asociación de Químicos de Galicia, escolleron Lugo para celebrar o día do seu patrón, San Alberto Magno, coincidindo ademais coa conmemoración do Día da Química 2025. Durante a xornada, que reuniu arredor de medio cento de asistentes no Hotel Torre Núñez, tamén se entregaron os premios de Colexiado Distinguido —que este ano recaeu no químico Antonio Macho Senra—, así como as insignias das Bodas de Prata e de Ouro aos profesionais con 25 e 50 anos de vinculación ao Colexio. Ademais, celebráronse a Xunta Xeral de Colquiga e a Asemblea Xeral da Asociación de Químicos, nas que se fixo balance do ano e se planificaron as actividades de 2026.
O decano de Colquiga, Manuel Rodríguez Méndez, salientou que a planta de Oural naceu como “a fábrica de cemento de Galicia” e subliñou o seu efecto “revulsivo e dinamizador” na economía de Lugo e do conxunto da comunidade. Destacou tamén a traxectoria de Antonio Macho Senra, homenaxeado pola súa “labor incansable na defensa da profesión química”.
No acto, María Gandoy asegurou que o premio “reafirma o papel da planta de Oural como motor económico da comarca de Sarria e da provincia de Lugo”, e reivindicou o compromiso da factoría coa excelencia, a sustentabilidade e a innovación. Tamén dedicou unhas palabras aos emprendedores que impulsaron o proxecto e a todas as persoas que contribuíron á súa evolución durante máis de seis décadas.
A fábrica de Oural, fundada en 1962 baixo a marca Cementos Noroeste, foi a primeira planta cementera de Galicia. As súas instalacións modernas e automatizadas desempeñaron un papel clave no crecemento industrial da comunidade, e contribuíron a obras destacadas como o Auditorio Municipal de Lugo, o MIHL, o Pazo de Feiras e Congresos ou a ponte sobre o Miño. A compañía ampliou a súa actividade con Morteros do Noroeste en 1993 e coa creación de Canteras Prebetong en 1996, ata ser adquirida en 2012 por Votorantim Cimentos, multinacional brasileira presente en nove países.
Na actualidade, Votorantim conta en España con 800 traballadores, sede central en Vigo e marcas como Cementos Cosmos, Cementos Teide ou Prebetong Áridos, ademais de fábricas en Badajoz, Córdoba, Málaga, Huelva, Lugo e León.