A Facultade de Formación do Profesorado acolle unha charla sobre a pegada da pedagoxía Freinet en Galicia

O estudantado da materia Teoría e Historia da Educación Escolar do Grao de Mestra/e en Educación Primaria e do Dobre Grao en Educación Infantil e Primaria organiza este mércores 10 na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo unha charla coa mestra Alicia López Pardo sobre a presenza e a evolución da pedagoxía Freinet en Galicia.
A sesión, aberta para todas as persoas interesadas, terá lugar ás 19.00 horas na aula 22 do centro académico situado na avenida Ramón Ferreiro de Lugo.
A relatora, nada nunha pequena aldea do Incio e formada como mestra na propia facultade durante a década dos 70, destacou desde moi nova pola súa participación no colectivo Mestras da Montaña Lucense. Tras unha ampla traxectoria como docente en distintas escolas rurais, converteuse nunha das figuras máis representativas da metodoloxía impulsada hai un século polo matrimonio francés composto por Célestin Freinet e Élise Lagier-Bruno.
Ao longo da súa carreira, Alicia López mantivo unha defensa constante do ensino rural galego. Desde a escola ancaresa dos Prados, en Cervantes, impulsou a coñecida experiencia A galiña dos Prados, que acabou dando lugar ao libro do mesmo nome, o primeiro publicado a cor en Galicia e unha das obras máis recoñecidas no ámbito pedagóxico galego.
A pesar de estar xubilada desde hai anos, López Pardo continúa vinculada ao activismo educativo e social. Participa activamente na Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural, promove a pedagoxía Freinet a través do Movimiento Cooperativo de Escuela Popular, colabora na vida cultural desde a Asociación Cultural Roxín Roxal, das Mariñas Coruñesas, e mantén unha forte implicación no movemento ecoloxista coa asociación ADEGA, ademais doutras iniciativas sociais que ocupan o seu día a día. “Unha mestra de pés a cabeza, comprometida coas realidades educativas e sociais que, no seu tempo e no seu lugar, lle tocaron e lle tocan vivir”, destaca o estudantado organizador do acto.