A Feculera, o que podería ter sido, pero por agora non será

SarriaXa
As instalacións situadas no barrio da Estación de Sarria foron utilizadas como almacén municipal e como espazo cultural para actos e asociacións
Actuación-Sarria-Blues-no-Camiño-na-Feculera
17 Ago 2024

Por Jessica Fernández

A antiga fábrica de fécula, ou tamén coñecida como amidón na industria alimentaria, situada na rúa Ramón Cabanillas de Sarria; a Feculera, foi a sede da factoría de féculas de Sarria e púxose en marcha nos anos 40 e pechou antes dos 60, sendo pechada e trasladada cando os labregos deixaron de producir pataca debido á baixada de prezos, sendo limitada a produción ao autoconsumo.

Desta maneira, en 1957 comezou o desmantelamento da fábrica que se atopa xunto ás vías do tren ao non producirse xa a fécula e comezaron a facerse verteduras sen depurar ao río Celeiro, o que produciu un conflito ecolóxico. Porén, o valor das instalacións, no seu momento, foi de 8 millóns de pesetas e o empresario Eduardo Martín Alonso solicitou á Xefatura de Industria de Lugo a autorización para trasladar a Astorga a industria de fabricación de féculas, amidóns, dextrinas, tapiocas, glucosa industrial, glucosa purísima e gluconato cálcico recristalizado.

Desta maneira, as naves que formaron a Feculera de Sarria S.L. foron quedando baleiras e despois ocupadas por unha granxa de galiñas, que finalmente foi pechada tamén debido ás protestas veciñais por ser un foco de contaminación de salubridade, xa que o cheiro da granxa chegaba a toda a cidade. Logo diso, as instalacións tamén serviron como asentamento doutras fábricas, como a de mobles Babío, a fábrica de piensos de Vicenzo Chaos, almacéns e obradoiros; tal e como conta Xaime Félix López Arias, máis coñecido como Arlindo, presidente do Seminario de Estudos Sarriaos.

A Feculera, na actualidade

Con todo, e despois de moitos anos, en 2020 o Concello de Sarria decidiu mercar as instalacións da Feculera por 300.000 euros, unha compra financiada co diñeiro obtido pola venta dun piso en Madrid de José Sánchez Arias, quen deixou dito inmoble como herdanza ao Concello de Sarria por valor de 350.000 euros.

Con esta adquisición, o Concello de Sarria utilizou os 5.000 metros cadrados de superficie, divididos en diferentes naves, como espazo para usos sociais e culturais, así como para lugar como depósito de diferentes estruturas e máquinas de uso municipal.

Desta maneira, a través do paso dos anos, a Feculera serviu de escenario de actos culturais ou musicais, como actuacións do Sarria Blues, espectáculos de maxia, actividades deportivas... como tamén serviu para acoller produtos e campañas de alimentos para entregar a familias con poucos recursos económicos e tamén serve, aínda hoxe, como local público que desfrutan algunhas das asociacións sarriás, como Rebuldeira Teatro ou é o lugar onde, ata febreiro, se daban as clases da Escola de Billar de Sarria.

Ademais de todo isto, o Goberno local de Sarria, representado polo alcalde, Claudio Garrido, tiña a intención de levar a cabo a construción dun auditorio -demandado cada vez máis polo sector cultural da vila- nas propias instalacións da Feculera por ter as dimensións necesarias e ser un lugar considerado “axeitado” para levar a cabo esta obra, xa que “a sociedade sarriá xa entende que a Feculera acolle accións culturais”, así como a Casa da Cultura non ten cabida para toda a xente que acode a segundo que actos.

Porén, o Tribunal Superior de Xustiza ditou sentenza con respecto a este tema despois de que o Partido Popular de Sarria denunciara a compra destas instalacións xa que o acceso á nave realízase por terreos privados e, ademais, atópase fóra de ordenación e enriba dunha vía proxectada nas normas urbanísticas.

Por isto, o xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Lugo ordenou que se cumpra a sentenza do TSXG pola que se anulou a compra efectuada polo Concello en 2024 por 300.000 euros e o Concello de Sarria, no último pleno, aprobou devolver as instalacións a Caixa Rural, o propietario anterior.

Desde o PP explicaron que, "tendo en conta que o edificio está fóra de ordenación, unicamente se podían facer obras de conservación e, por tanto, era inviable facer un auditorio, estando ademais prohibido o cambio de uso".

A Feculera, no futuro

Todo parece indicar que as instalacións daquela fábrica de fécula dos anos 40 seguirá sendo un lugar no que non se pode facer nada, así como Sarria seguirá necesitando espazos onde as asociacións como Rebuldeira Teatro e a Escola de Billar poidan desenvolver a súa actividade, así como haberá que buscar espazos que, de non darse as condicións climáticas máis favorables, poidan acoller gran participación de público nun espazo pechado.

Juan Pedro Durán, profesor na Escola de Billar de Sarria que leva pechada desde febreiro debido á incerteza de non saber que vai pasar con ese espazo cedido polo Concello, di que espera que se arranxen as problemáticas e que o Concello chegue a un acordo co propietario das instalacións para poder seguir desenvolvendo o seu traballo alí ou, doutra maneira, que poidan darlles un espazo o antes posible para que as persoas que sigan interesadas no pool ou no snoker, poidan seguir practicando na súa vila.

Con respecto á problemática de construír ou modificar infraestruturas en Sarria, hai que lembrar que Sarria carece dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), o que supón un lastre á hora de planificar a cidade e, ademais as normas subsidiarias son do ano 1986. A inestabilidade política que se vive na vila provoca esta situación, xa que en 2009 o actual alcalde Claudio Garrido, que tamén o era nese ano pero polo PSOE, presentou o seu proxecto de PXOM, pero quedou paralizado ata o día de hoxe.

 

0.11350893974304