A Festa da Malla encherá Láncara o 10 de agosto de música, millo e comunidade

SarriaXa
A xornada, organizada pola Asociación Val de Láncara, mestura música, artesanía e gastronomía para poñer en valor o patrimonio rural
Festa-da-Malla-Láncara
8 Aug 2025

O concello de Láncara volverá converterse nun escaparate vivo das tradicións agrarias o vindeiro 10 de agosto, coa celebración dunha nova edición da Festa da Malla, unha cita xa consolidada no calendario cultural da comarca grazas ao traballo continuado da Asociación Val de Láncara.

A actividade principal será a recreación en directo do proceso tradicional de malla, é dicir, da separación manual do gran de trigo da palla, unha tarefa que outrora marcaba o ritmo do verán nas aldeas e que hoxe se recupera para manter viva a memoria do rural. Segundo a organización, o obxectivo é que “as xeracións máis novas vexan de preto como se traballaba antes, aprendan directamente dos que aínda mallan e comprendan o valor deste oficio”.

A festa contará tamén cunha ampla mostra de artesanía, maquinaria agrícola e vehículos antigos, así como cun espazo gastronómico no que se poderán degustar produtos típicos da zona. A comida popular será un dos momentos centrais da xornada, converténdose nun punto de encontro interxeracional e comunitario.

No apartado musical, a propia Asociación Val de Láncara porá a banda sonora coa súa formación de música tradicional, acompañando coa gaita e o tambor a festa ao longo do día. Como novidade nesta edición, estrearase a participación do grupo tradicional Axeigo, de Rábade. A formación, integrada por Uxío, Manuel, Pablo, Miguel e Óscar, leva unha década promovendo a música de raíz en festas como o San Froilán, a Xira de Ribadeo ou a Foliada da Fonsagrada, e visitará por primeira vez a Festa da Malla para “compartir cultura, baile e emoción co público de Láncara”.

Con máis de dúas décadas de traxectoria, a Asociación Val de Láncara insiste en que “manter viva esta celebración é unha forma de conservar a identidade da terra, de unir a comunidade e de transmitir ás novas xeracións o que somos”.

⚙ Configurar cookies
0.64253091812134