A finais de febreiro volve a Festa do cocido do porco celta a Sarria
O Concello de Sarria volverá celebrar a Festa do Cocido do Porco Celta tras dous anos de paron debido á Covid 19.
Sarria non quere perder a oportunidade de celebrar a XIV Festa do Cocido do Porco Celta polo que anima aos hostaleiros a ofrecer este produto nos menús dos días 26 e 27 de febreiro. A celebración habitual contaba cunha feira e unha posterior comida na vila, este ano, por mor da pandemia, búscase unha festividade máis segura para os veciños. Desta forma, o Concello propón aos establecementos de Sarria a asistir a unha reunión o vindeiro martes 8 de febreiro ás 17.30 horas no salón de plenos do Concello para acadar máis información. Tamén se poderán poñer en contacto nos teléfonos 982 535 000, 982 530 668 ou no correo turismo@sarria.gal antes do 10 de febreiro.
Normalmente, a festa tiña lugar dúas semanas antes do entroido, porén, nesta ocasión, decidiuse que a feira teña lugar o mesmo fin de semana que O Gran Camiño para poñer en valor este produto, nunha data na que haberá maior afluencia de xente na vila.
O GRAN CAMIÑO
O Gran Camiño, que se celebrará do 24 ao 27 de febreiro pretende recuperar un espazo propio para o ciclismo galego no calendario internacional. A localidade sarriá acollerá, o día 27, a cuarta etapa desta volta a Galicia, unha contrarreloxo que se prevé decisiva para o desenlace da rolda.
Antes, o pelotón internacional realizará outras tres etapas, polas provincias de Pontevedra, A Coruña e Ourense. A organización confirmou a participación na proba de equipos como o Movistar, Cofidis, Euskaltel-Euskadi, Start Up Nation, Education First ou Tavira.