A Foz das Aceas, un roteiro pequeno e cunha beleza característica
Sarria é unha vila chea de historia, con moitos lugares que visitar e, sobre todo, cun elemento que a fai recoñecida na maior parte de España e, incluso mundialmente, que é o Camiño de Santiago.
Sen embargo, non é o único camiño que se pode recorrer, senón que existen diferentes rutas e paseos cos que se pode gozar dunha beleza única e que se percorren en tan só unhas horas. Ademais, este tipo de actividades creceron en gran medida dende que comezou a actual situación sanitaria de pandemia na que nos atopamos.
Fai uns anos, era un tipo de turismo que tamén se realizaba, pero con menos participantes e frecuencia. Despois de estar encerrados nas casas, sen poder saír e tan só vendo a paisaxe pola ventá, as rutas e os sendeiros comezaron a estar cada vez máis e máis de moda, sendo na actualidade un gran atractivo turístico.
A natureza, a tranquilidade, as paisaxes... son algúns dos aspectos que caracterizan este tipo de actividades. Así pois, Sarria é unha vila na que se pode gozar de este tipo de turismo e, un dos roteiros que destaca é o paseo da Foz das Aceas, situado preto do centro da vila. Este é un sendeiro que se desenvolve pola ribeira do río Sarria a través de bosques autóctonos protagonizados por ameneiros, carballos e castiñeiros; muíños de pedra, fervenzas, pontes de madeira e unha beleza característica da zona.
O sendeiro é de 6 quilómetros aproximadamente e é circular, polo que o percorrido remata no mesmo lugar onde comeza. O paseo fluvial é de dificultade baixa xa que apenas existen desniveis nin tramos que presenten dificultades para recorrelo.
Este roteiro ten varias pasarelas de madeira, así coma un cartel coa mensaxe “Sinte, Mira, Escoita, Toca, Saborea e Ule”, onde se poden escoitar os paxaros, a son do río e unha tranquilidade coa que poder desconectar do mundo urbano.
Ademais, tamén se poderá ver un pequeno muíño de pedra cunha presa, un elemento arquitectónico típico onde se empregaba a forza da auga para moer o gran. Actualmente, este tipo de edificacións non adoitan funcionar, sen embargo, se hai sorte, pódese ver algún dos mecanismos e das partes que se empregaban para realizar dita labor. Así mesmo, teñen un atractivo característico que, unido á catarata que se atopa preto, conseguen un ambiente único e con moita beleza.
Por outra beira, hai que lembrar que esta ruta percorre ambas marxes do río Sarria e existe unha ponte de madeira que permite cruzar a outra beira para completar o roteiro. Ademais, parte do camiño de volta é o mesmo ca o de ida.
Así mesmo, un punto que hai que destacar é que dependendo da época do ano, hai que ter máis coidado en certos lugares. Se o chan está mollado, as pasarelas adoitan ser perigosas xa que se pode esvarar con facilidade. Por iso, hai estacións que poden ser máis recomendables e, non só por isto último, senón tamén pola beleza que transmite o lugar ao crear un ambiente único a causa das diferentes cores das árbores, do ceo e da paisaxe. Esta estación adoita ser outono, aínda que este aspecto depende do tempo atmosférico.
O roteiro pódese unir, ademais, a un paseo para poder recorrer as catro pontes medievais existentes en Sarria que son: a ponte da Áspera, a do Mazadoiro, a ponte Vella e a ponte Ribeira, lugar onde remata o roteiro, xunto ao Monumento ao Peregrino.
Actuacións de coidado e mantemento
O Concello de Sarria cortou a marxe esquerda do percorrido o pasado 26 de agosto para comezar coas obras de mantemento e reparación que había que realizar nela e que xa denunciaran anteriormente veciños e veciñas. Actualmente, abriuse esta marxe xa que os traballos xa están rematados e, pola súa beira, está cortada a marxe dereita.
Así pois, existiron queixas -tamén dende o Partido Popular de Sarria- sobre o mal estado no que se atopaba en pleno verán con escaleiras de madeira rotas, maleza polo camiño que dificultaba algún tramo e lixo que non entraba nas papeleiras.