A Furgoteca celebrará un encontro poético no Incio polo Día da Poesía

A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles de Galicia, celebra o Día da Poesía 2025 cun encontro literario que terá lugar o próximo sábado, 22 de marzo, no edificio do Concello do Incio. A actividade desenvolverase de 12.00 a 13.30 horas e estará aberta a toda a cidadanía.
O evento contará coa participación de recoñecidas figuras do ámbito literario galego como Yolanda Álvarez Castro, Marica Campo, Antón Cando, Beatriz Dourado e Brenda Mondelo, que compartirán as súas creacións poéticas nun ambiente de celebración e amor pola palabra.
A cita incluirá tamén unha intervención especial da artista e bailarina Marta Cuba, que achegará ao público unha proposta artística que fusiona poesía e danza.
Con esta iniciativa, A Furgoteca promove a difusión da cultura e da literatura en contornas rurais, ofrecendo un espazo de encontro para a expresión poética e a participación cidadá.