A Furgoteca volve a percorrer Triacastela
Triacastela acolle, unha vez máis, a visita da Furgoteca, o servizo de Bibliotecas Móbiles de Galicia, que percorrerá o municipio este domingo. Así, estará na praza do Concello dende as 11.00 ata as 15.30 horas. Desde a súa posta en marcha, no ano 2023, o servizo das bibliotecas móbiles da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude recibiu máis de 14.300 visitas que realizaron preto de 1.400 carnés de usuario. Ademais, facilitáronse case 15.000 préstamos e programáronse un total de 335 actividades de dinamización acadando unha participación de máis de 6.000 asistentes.
Estas bibliotecas teñen servizos como tramitar un carné de usuario ou coller en préstamo un libro ou unha revista ou acceder a internet. ofrecendo distintos tipos de servizo para atender do xeito máis completo as necesidades da cidadanía. Así, a colección inicial nace con 500 exemplares de libros, pero tamén películas, música ou xogos físicos e dixitais e tamén publicacións periódicias como revistas e xornais. Esta colección poderá ir medrando polas bibliotecas centrais territoriais de referencia en cada caso a través do préstamo entre bibliotecas.
Na furgoteca tamén se poden facer os trámites de expedición de carnés de usuario, préstamo e devolución, formación nos sistemas de préstamos dixitais, así como distintas actividades de formación. Teñen conexión a internet, equipos informáticos portátiles e impresora tanto para a persoa encargada da prestación do servizo como para o uso dos usuarios. As bibliotecas móbiles dispoñen, ademais, de persoal de atención cun perfil técnico especialista en ocio educativo e animación sociocultural. Esta iniciativa ven acompañada dunha intensa actividade cultural.