A I Ruta Cicloturista BTT A Ribeira do Páramo contará con máis de 190 participantes

SarriaXa
A cita, organizada por Atlántigas e coa colaboración da Xunta, combina deporte, natureza e actividades para toda a familia
BTT-A-Ribeira-O-Páramo
12 Sep 2025

Este domingo celebrarase no Páramo a I Ruta Cicloturista BTT A Ribeira, organizada polo club Atlántigas e co apoio da Xunta de Galicia.

Tomarán a saída 190 persoas: 131 completarán a ruta longa de 50 quilómetros, 35 realizarán o percorrido reducido de 37 quilómetros e 24 nenos e nenas participarán na Mini BTT.

A actividade non ten carácter competitivo e comezará e rematará no campo da festa de San Mamede da Ribeira, discorrendo por camiños rurais e forestais do concello.

O inicio será ás 9:30 horas, agás a Mini BTT, que se reunirá ás 11:00 horas. Ao rematar a ruta celebrarase unha comida e, pola tarde, haberá animación musical, inchables e actividades infantís.

Atlántigas CD, fundado en 2019, é o primeiro club ciclista feminino de Galicia e conta con grupos locais en Lugo, A Coruña e Pontevedra. Alba María Rivera, socia do club e natural do Páramo, impulsa esta iniciativa para promover o ciclismo, especialmente entre as mulleres, e dar a coñecer a riqueza paisaxística do municipio.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou na presentación “a extraordinaria resposta” que recibiu a iniciativa, que obrigou a ampliar o número de prazas inicialmente previsto.

Javier Arias eloxiou o labor do club “na súa aposta polo ciclismo e pola igualdade, que compartimos desde a Xunta”, lembrando tamén que o Goberno galego apoia o deporte base con programas como Xogade, que fomentan hábitos saudables e formación en valores nos nenos e nenas.

⚙ Configurar cookies
0.16506600379944