A igrexa do Hospital, no Incio, amósase ao público na Semana do Patrimonio Invisible

SarriaXa
Esta iniciativa enmárcase no programa SoTERRADAS da Rede Museística Provincial de Lugo, que aposta polo rescate e posta en valor de patrimonios invisibilizados
Igrexa-de-Hospital-no-Incio
9 Jun 2025

A primeira Semana do Patrimonio Invisible da provincia de Lugo detívose na igrexa do Hospital, no Concello do Incio, cunha visita guiada na que participou a deputada de Cultura, Iria Castro. A actividade forma parte do circuíto promovido pola Vicepresidencia da Deputación, que abre as portas de espazos históricos e culturais pouco coñecidos ou habitualmente inaccesibles ao longo do territorio provincial.

A igrexa do Hospital destaca pola súa arquitectura singular e polo mármore azulado empregado na súa construción, converténdose así nun dos tesouros patrimoniais incluídos neste programa, que ofrece visitas gratuítas e en grupos reducidos de ata 15 persoas, co obxectivo de garantir unha experiencia de proximidade e calidade, así como unha inmersión profunda en cada localización.

Durante esta fin de semana tamén se desenvolveron visitas a outros enclaves destacados como o encoro de Belesar en Chantada —aberto por primeira vez ao público non especializado—, a cova de Santalla de Louzara en Samos, a Ferrería de Penacova en Bóveda, o mosteiro de San Vicente do Pino en Monforte de Lemos e o Pazo de Ferreiroá en Pantón.

O programa continuará a vindeira fin de semana con novas oportunidades para coñecer o mosteiro monfortino, o pazo pantonés e a ferrería de Penacova, así como novas visitas ao seminario de Santa Catalina en Mondoñedo, ao mosteiro de San Salvador de Lourenzá e aos mananciais mindonienses.

Esta iniciativa enmárcase no programa SoTERRADAS da Rede Museística Provincial de Lugo, que aposta polo rescate e posta en valor de patrimonios invisibilizados e pola creación dunha nova narrativa e metodoloxía de difusión do legado cultural lucense.

⚙ Configurar cookies
0.16800999641418