A II Festa do Motor 4x4 da Comarca de Sarria celebrarase o 14 de xuño

SarriaXa
O evento, organizado polo colectivo Os Carro X Catro, contará con categorías para motos, quads, todoterreos e buggys, e desenvolverase nun circuíto deseñado para a ocasión
Festa-do-Motor-4x4-Sarria
16 Mar 2025

Tras o éxito da primeira edición, a Comarca de Sarria prepárase para acoller a II Festa do Motor 4x4, unha cita que terá lugar o vindeiro 14 de xuño de 2025 e que reunirá de novo a amantes do motor en torno a espectaculares probas de habilidade, velocidade e obstáculos.

O evento, organizado polo colectivo Os Carro X Catro, contará con categorías para motos, quads, todoterreos e buggys, e desenvolverase nun circuíto especialmente deseñado para a ocasión, onde os vehículos poñerán a proba as súas capacidades técnicas e a pericia dos pilotos.

A primeira edición desta festa foi todo un éxito de participación e asistencia. Arredor de 70 vehículos ,entre motos, buggies e coches todoterreo, encheron daquela o polígono industrial de O Morelle, onde se instalou un circuíto con percorridos de velocidade e obstáculos que fixeron as delicias do público.

Ademais dos participantes, centos de afeccionados desprazáronse ata o recinto desde distintos puntos das catro provincias galegas e tamén desde Asturias, destacando o bo desenvolvemento das probas e solicitando que se impulsen máis iniciativas deste tipo.

Con esta segunda edición, os organizadores pretenden consolidar esta cita como un referente no calendario de actividades de motor en Galicia, fomentando tanto a paixón polo 4x4 como o dinamismo social e económico da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.23507499694824