A III edición do mercado solidario Malicounda Teranga desenvolverase este sábado

SarriaXa
Os máis pequenos poderán gozar pola tarde de actividades infantís diversas
Malicounda-Teranga-2
30 May 2024

Este sábado desenvólvese a terceira edición de ‘Malicounda Teranga’ da ONG sarriá Hospitaleros sin Fronteras, un mercado solidario de temática africana que terá lugar na praza da Vila de Sarria desde ás 12.00 ás 21.00 horas.

Tras a boa acollida das pasadas edicións, o evento volve cun cambio de localización para dispoñer de máis amplitude para dar cabida ás actividades programadas para este ano e seguir consolidándose como unha cita anual na vila de Sarria.

O mercado solidario estará formado por casetas de roupa, libros, complementos e xoguetes de segunda man doados á ONG e artesanía de Senegal traída da última viaxe solidaria: teas africanas, bolsos, carteiras, cestería e obxectos de decoración, entre outras cousas.

Os máis pequenos poderán gozar pola tarde de actividades infantís diversas a partir das 16.00 horas, como pintacaras, un taller de máscaras e un de pintura impartidos por Creartecendo.

Durante a sesión vermú, de 13.00 a 14.30 horas, a música correrá a cargo dos sarriáns Malditos Roedores, o coñecido grupo vocal da vila virá cargado co seu repertorio de temas soul, rock, blues, swing e jazz a inaugurar a xornada musical. Seguiralle tamén o selector sarrián Jor Ginho que ofrecerá unha das súas xa habituais coidadas seleccións musicais ata ben entrada a tarde.

Ademais de bailar, os asistentes poderán degustar unha tapa de Yassa Poulet, un prato tradicional senegalés cuxa base é o arroz e o pito pero que garda o seu secreto particular no proceso de elaboración, xunto coa empanada senegalesa.

Xa ás 18.00 horas, o broche final poñerao o grupo Batuko Tabanka, formado por mulleres caboverdianas afincadas na Mariña, que é unha formación paradigma de dous pobos, Cabo Verde e Galicia, separados por case 3.500 quilómetros, pero que a pesar de ser dúas culturas tan diferentes, comparten un mesmo océano e moitas coincidencias.

As voces e bailes deste grupo tamén son un híbrido entre o noso "aturuxo" e a "batuka", o berro propio das mulleres escravas e negras tras as colonización das súas terras e o asentamento luso.

O evento foi bautizado co nome de ‘Malicounda Teranga’, xa que Senegal se caracteriza pola teranga da súa xente; unha hospitalidade única que non atende a etnias e que mantén un forte sentimento de pertenza á súa comunidade, tolerándose e respectándose nunha convivencia diaria exemplar.

Malicounda fai referencia a unha das rexións na que a ONG coopera e onde traballa na actualidade na construción dun centro no que poder instalarse e que albergue á súa vez aulas e unha enfermería.

Hospitaleros sin Fronteras contará tamén cunha caseta onde explicará o seu traballo no país africano e a súa loita pola defensa e a protección dos nenos talibé, labor que leva realizando desde o 2015.

0.15942001342773