A Intelixencia Artificial centra a volta das Xornadas Xurídicas de Sarria

SarriaXa
As XV Xornadas Xurídicas de Sarria analizarán dende este venres a relación entre intelixencia artificial e Dereito
Xornadas Xurídicas
1 Jun 2022

Sarria recupera este ano as súas Xornadas Xurídicas Román García Varela, logo do parón trala pandemia. Así, a Casa da Cultura da localidade acollerá esta semana a décimo quinta edición destas xornadas que se centrarán na relación entre a Intelixencia Artificial (IA) e o Dereito.

O vicepresidente do Tribunal Constitucional, Juan Antonio Xiol Ríos, impartirá a conferencia inaugural do encontro, que está organizado polo Concello de Sarria e que forma parte do programa de Formación Continua do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

Ao longo de dous días, 3 e 4 de xuño, expertos en ambas materias participarán en mesas redondas nas que analizarán, entre outras cuestións, a biometría no proceso de investigación criminal, a propiedade intelectual das obras creadas por intelixencia artificial ou o cibercrime.

As xornadas, que están dirixidas polo letrado da Administración de Xustiza, Román García-Varela Iglesias, e polo catedrático de Dereito Mercantil e avogado, Carlos Lema Devesa, contarán coa presenza de prestixiosos relatores, entre eles maxistrados do Tribunal Supremo e da Audiencia Nacional ou o fiscal xefe da unidade de extradición en Reino Unido, quen dará unha visión internacional da importancia da IA no Dereito.

O crecemento da capacidade informática e a dispoñibilidade de datos, así como os avances nos algoritmos, converteron a intelixencia artificial nunha das tecnoloxías máis estratéxicas do século XXI, polo que a súa utilización incrementa cada ano, tanto no ámbito público como no privado.

Ademais, a crise sanitaria propiciou un impulso no desenvolvemento e implantación de tecnoloxías baseadas na IA e intercambio de datos, xerando novas oportunidades, pero tamén presentando retos e ameazas para os dereitos humanos e os dereitos fundamentais.

O curso tratará de estudar os desafíos e oportunidades que implica a utilización destas tecnoloxías, analizando os marcos éticos e legais para garantir que a IA se desenvolva e aplique sobre a base dos valores e dereitos fundamentais do noso Estado de Dereito.

O potencial na aplicación das tecnoloxías e técnicas baseadas en IA especializadas no ámbito da Administración de Xustiza poden contribuír de forma notable a unha mellora na calidade da Xustiza, pero tamén implica grandes riscos, os cales se abordarán durante o encontro.

As Xornadas Xurídicas de Sarria ‘Román García Varela’ tiveron a súa orixe en 2007 e, tras o falecemento do seu fundador, en 2013, continúan celebrándose anualmente en memoria do maxistrado. Esta XV edición comezará o vindeiro venres, 3 de xuño, ás 10 horas.

Ao acto de inauguración asistirán o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o alcalde de Sarria, Claudio Garrido; o vogal do CXPX Juan Manuel Fernández; o conselleiro de Xustiza, Diego Calvo; e o deputado da Deputación de Lugo Pablo Rivera.

A clausura, que será o sábado 4 de xuño ás 13 horas, contará coa asistencia da secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia, Carme Artigas Brugal; o vogal do CXPX Rafael Mozo; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde; a directora do Centro Asociado UNED Lugo, Ana Traseira; e os codirectores das xornadas, Román García-Varela Iglesias e Carlos Lema Devesa.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15193295478821