A ITV móbil agrícola desprazarase a Paradela entre febreiro e marzo

SarriaXa
A unidade instalarase no recinto feiral da vila con distintos horarios segundo as datas e prestará servizo mediante cita previa
ITV-agrícola-Triacastela-2
21 Jan 2026

O Concello de Paradela informou da chegada da Unidade Móbil 12 de inspección técnica de vehículos agrícolas, que prestará servizo no municipio en varias datas comprendidas entre os meses de febreiro e marzo de 2026. En concreto, a ITV móbil estará operativa do 9 ao 13 de febreiro e novamente do 26 de febreiro ao 5 de marzo, segundo recolle o bando asinado pola alcaldesa-presidenta, María Montserrat Mulet Sar.

A unidade instalarase na vila de Paradela, no recinto feiral, e realizará inspeccións periódicas a vehículos agrícolas, así como a vehículos de obras e servizos cuxa velocidade máxima por construción non supere os 40 Km/h, cun peso en baleiro inferior a 8.000 Kg e cunha anchura máxima de 2.500 mm, sempre que estean matriculados. O horario xeral de atención será de 9:00 a 13:30 horas pola mañá e de 15:15 a 18:00 horas pola tarde, agás os días 13 de febreiro, 26 de febreiro e 5 de marzo, nos que só se prestará servizo en horario de mañá. Ademais, os días 27 e 28 de febreiro e o 1 de marzo a estación permanecerá pechada, mentres que os días 2, 3 e 4 de marzo abrirá en horario habitual de mañá e tarde.

Para poder pasar a inspección será obrigatorio solicitar cita previa, ben por teléfono no número 902 30 90 00 ou a través da páxina web www.sycitv.com
. No momento da inspección será necesario presentar a tarxeta de características técnicas, o permiso de circulación e, no seu caso, a cartilla de inscrición agrícola.

Segundo a antigüidade do vehículo, os períodos de inspección establecen que os vehículos de ata 8 anos están exentos, os que teñen entre 8 e 16 anos deben pasar a ITV cada 2 anos e os de máis de 16 anos deben facelo de forma anual. Dende o Concello lembran tamén a conveniencia de revisar previamente aspectos habituais como a sinalización e o alumeado, os elementos reflectantes, os freos, a dirección, as placas de velocidade máxima ou o correcto estado dos elementos de unión entre tractor e remolque, co fin de evitar incidencias durante a inspección.

⚙ Configurar cookies
0.074063062667847