A IV edición do festival Ultreia et Suseia terá lugar entre o 14 e o 20 de xullo en Sarria

SarriaXa
O cartel deste ano combina espectáculos de narración oral, danza, teatro, música e humor, con propostas que integran tradición e innovación
Cartel-Ultreia-et-Suseia-Sarria-2025-port
16 May 2025

A cuarta edición do festival Ultreia et Suseia celebrarase en Sarria entre o 14 e o 20 de xullo. O evento, conformado integramente por artistas galegos, busca consolidarse como un dos mellores escaparates para que asociacións e artistas galegos mostren o seu talento en Sarria.

Organizado por Etiqueta Negra, co apoio do Concello de Sarria, a Oficina Municipal de Turismo de Sarria, a Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, e a Deputación Provincial de Lugo, o festival volverá ser maioritariamente gratuíto, cunha programación diversa e pensada para todos os públicos.

O cartel deste ano combina espectáculos de narración oral, danza, teatro, música e humor, con propostas que integran tradición e innovación; pois o obxectivo é ofrecer unha programación plural e atractiva para todo tipo de público, para involucrar a toda a vila de Sarria, independentemente da franxa de idade.

Unha das sinais de identidade de Ultreia et Suseia é a participación activa das asociacións culturais da comarca, que colaboran na creación de contidos únicos. Así, propostas xa características como as Camiñografías, paseos escénicos pola historia e a alma de Sarria, contarán novamente coa implicación de colectivos locais como Meigas e Trasgos, Peleriños ou Rebuldeira Teatro, aos que se suman este ano a asociación cultural lucense Axeigo e os influencers galegos Pepe e Lucas, que volverán protagonizar esta actividade.

PROGRAMACIÓN DO FESTIVAL

A programación arrancará o 14 de xullo con Contos sonoros, unha proposta que fusiona música en directo e narración oral, da man de Cándido Pazó e da Banda de Música de Sarria. Este formato repetirase o día 17 coa narradora Carmen Domech, acompañada pola Banda Comarcal de Sarria.

A danza terá un papel destacado con Danza no Camiño, un proxecto de danza na rúa vencellado ao Camiño de Santiago, que celebra este ano a súa cuarta edición en Galicia con paradas en Sarria, Portomarín e Santiago de Compostela.

O 15 de xullo haberá unha dobre cita: pola mañá, un obradoiro de baile tradicional infantil achegará a danza galega aos máis pequenos, mentres que pola noite celebrarase a primeira Camiñografía desta edición, coa participación de Axeigo e Pepe e Lucas.

A programación complétase cunha variada oferta que inclúe narración oral infantil con César No o 17 de xullo, a primeira edición das Olimpiadas Rurais o 18 de xullo, tamén orientada ao público infantil, ou o monólogo de Luis Zahera ese mesmo día.

O día 19 terá lugar unha intensa xornada musical coa representación de A Regueifa Ambulante, de Josiño da Teixeira, Lupe Blanco e Manolo Maseda, así como os concertos dos artistas Ryu e Saha, Carabela (gañadores do Premio NARF 2024) e a asociación Rúa da Música.

O festival concluirá o 20 de xullo coa segunda edición da Camiñografía, desta volta en formato diúrno, coa participación de Meigas e Trasgos, Peleriños e Rebuldeira Teatro, e un encontro participativo que combinará un obradoiro de baile cunha foliada aberta coa asociación Sarricanta, para despedir o festival bailando ao ritmo da tradición galega.

⚙ Configurar cookies
0.15502405166626