A IV edición do Tremeterra Fest pecha o cartel e contará con 19 artistas

SarriaXa
A cuarta edición do Tremeterra Fest reunirá 19 artistas internacionais en dúas xornadas de música, natureza e compromiso social no encoro de Vilasouto
Tremeterra-2024
5 Jul 2025

Os organizadores do Tremeterra Fest veñen de anunciar o cartel completo da súa cuarta edición, que terá lugar os días 29 e 30 de agosto no Encoro de Vilasouto, no Incio.

O evento, que mantén o seu carácter gratuíto e aberto a todas as persoas interesadas, contará con 19 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel dentro das escenas do soundsystem, dub, reggae e música electrónica.

Así, figuran 10000 Lions, Black Beanie Dub, Ashanti Selah, Violinbwoy, Peter Youthman, Roll & Record, Ishan Sound, Rider Shafique, Morgana Souljah, Nina Garossois, Dubbing Sun, Lion’s Den Soundsystem, High Nebra, Piya Zawa, Ital Roots, Long Fingah, Piratas Sound, Media Lúa Sound e Dub Mono Hifi.

Estes artistas representan unha ampla variedade de estilos e orixes, desde o Reino Unido ata Alemaña, Polonia, Francia ou o propio territorio galego, e aseguran unha proposta sonora diversa e de calidade para os dous días de programación.

Ademais dos concertos e sesións sonoras, o festival contará cunha serie de actividades paralelas que buscan fomentar o intercambio cultural e a conciencia social. Haberá obradoiros formativos, espazos para debates abertos, actuacións en vivo e zonas de encontro que permitirán ao público mergullarse na filosofía do movemento soundsystem, nacido en Xamaica e expandido por todo o mundo como forma de expresión comunitaria e resistencia cultural.

A organización destaca que o obxectivo é crear unha experiencia inmersiva onde a música sexa tamén un vehículo para a reflexión e o compromiso colectivo.

O enclave escollido, o Encoro de Vilasouto, volve ser un dos principais atractivos do festival pola súa contorna natural privilexiada, que permite combinar cultura e natureza nun mesmo espazo.

⚙ Configurar cookies
0.15200901031494