A IV Mostra de Teatro Iván Tourón Morais de Sarria remata este domingo cun espectáculo inclusivo

A IV Mostra de Teatro Iván Tourón Morais, organizada polo Concello de Sarria e Rebuldeira Teatro, chega ao seu fin este domingo, 19 de outubro, ás 20:00 horas na Casa da Cultura cunha proposta singular: Nada se sabe, unha montaxe de teatro inclusivo creada por Culturactiva e o Centro Dramático Galego Salón Teatro.
A obra, unha adaptación do dramaturgo Manuel Lourenzo da traxedia clásica Filocéletes de Sófocles, pon en escena dúas actrices e dous actores con diversidade funcional que exploran, a través do teatro, as diferentes visións da discapacidade na tradición escénica clásica, combinándoas coas súas propias vivencias persoais.
O espectáculo contará cunha ampla serie de medidas de accesibilidade, entre elas a interpretación en linguaxe de signos durante toda a función, unha visita táctil para persoas invidentes unha hora antes do inicio, servizo de audiodescrición con oito dispositivos, programa de man en Braille, versión de lectura fácil e programa ampliado para persoas con visión reducida.
A entrada será totalmente de balde ata completar aforo. O público poderá, ademais, participar no sorteo dun lote de libros teatrais e dun par de entradas para un espectáculo, presentando a tarxeta de asistencia aos eventos da Mostra Iván Tourón.