A IV Ruta Triacastela reuniu 246 motos en case 100 km de percorrido off-road

SarriaXa
Os participantes percorreron os montes de Triacastela, Samos, O Courel e Pedrafita do Cebreiro, con probas de habilidade e remate con cea e música
IV-Ruta-Triacastela-2026
23 Mar 2026

A cuarta edición da Ruta Triacastela destacou pola elevada participación, con 246 motos que se lanzaron a percorrer un itinerario off-road de case cen quilómetros polos montes de Triacastela, Samos, O Courel e Pedrafita do Cebreiro.

Moitos dos inscritos reuníronse xa o venres pola tarde en Triacastela, pero a xornada principal foi o sábado, cando completaron un total de 98 quilómetros. A saída realizouse ás 9 horas desde o polideportivo local, percorrendo diversos núcleos dos catro concellos e facendo unha parada para comer en Noceda. Ao longo do percorrido, os organizadores propuxeron diferentes probas de habilidade para aqueles que quixeron poñer á proba a súa destreza, engadindo un compoñente competitivo á experiencia.

A xornada finalizou coa cea colectiva no pavillón de Triacastela, acompañada da animación musical dun DJ de O Páramo.

O evento está promovido polo equipo Team Zennon 4x4 Becerreá, que busca fomentar a convivencia entre afeccionados ao motor e, ao mesmo tempo, dar a coñecer os camiños e paraxes naturais da zona.

0.23055815696716