A IV Xornada da Carballesa regresa a Seceda o 25 de abril

SarriaXa | RibeiraSacraXa
Organizada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, a iniciativa busca preservar esta variante da muiñeira que tradicionalmente se interpretaba e bailaba en parroquias como Eiriz, O Carballal ou Seceda, así como no Val do Incio
presentacion-xornadas-carballesa-seceda
Presentación da IV Xornada de Carballesa
10 Mar 2026

Seceda do Courel acollerá o vindeiro 25 de abril a cuarta edición das Xornadas sobre a Carballesa, unha iniciativa organizada pola Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG) en colaboración coa área de Cultura da Deputación de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel.

O cartel e o programa desta edición foron presentados este luns en Lugo nun acto que contou coa participación da deputada de Cultura, Iria Castro, xunto con Cristina Ramírez, veciña de Seceda do Courel, e Mónica Fernández, representante da AGG.

O encontro, explican desde a organización, naceu co obxectivo de preservar unha das expresións culturais máis singulares da zona occidental do municipio, concretamente a Carballesa, unha variante da muiñeira que tradicionalmente se interpretaba e bailaba en parroquias como Eiriz, O Carballal ou Seceda, así como no próximo Val do Incio. Os organizadores destacan a importancia de manter viva esta tradición e de render homenaxe ás persoas que a transmitiron e a quen realizou traballos de recollida para que estas manifestacións culturais chegasen ata a actualidade.

O programa da xornada incluirá diversas actividades relacionadas coa música e o baile tradicional. Pola mañá celebraranse dous obradoiros teórico-prácticos centrados na Carballesa: un dedicado ao baile, impartido por Julia Mª Pozo Méndez e Chema Cebeiro Fernández, e outro de gaita a cargo de Óscar Vázquez Darriba. Ambos requirirán inscrición previa.

Tras o xantar, que tamén será necesario reservar con antelación, a programación continuará cunha homenaxe aos brindos e aos brindadores, figuras vinculadas á tradición oral do Courel. Neste marco desenvolverase o obradoiro “O Brindo: recursos, melodías e narrativas na tradición oral no Courel”, guiado por Branca Villares.

Pola tarde haberá un filandón aberto ao público, dinamizado polo grupo de teatro Milrosas de Lóuzara (Samos), seguido dunha sesión de baile con agrupacións das escolas de música tradicional de O Incio, Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón. A xornada concluirá cun concerto do grupo Galega de Bailables.

Desde a organización subliñan que este tipo de encontros non só permiten difundir a música e o baile tradicional galego, senón que tamén contribúen a reforzar a transmisión deste patrimonio cultural e a mantelo vivo para as novas xeracións. A iniciativa conta ademais coa colaboración de diferentes entidades e establecementos da zona.

0.11267018318176