A IX Carreira da Muller “Vivas e iguais” desenvolverase en Sarria para reivindicar o 8M

A IX Carreira da Muller “Vivas e iguais” do Concello de Sarria terá lugar este domingo, 8 de marzo con motivo do 8M e que volverá converter a vila nun punto de encontro para reivindicar a igualdade a través do deporte.
A saída da carreira absoluta de 5 quilómetros está prevista para as 11:30 horas, mentres que a andaina dará comezo ás 11:35 horas. O punto de partida situarase no bulevar da rúa da Liberdade, á altura de Catro Camiños, e a meta estará instalada no Malecón do río, nun espazo que permanecerá debidamente sinalizado para facilitar a chegada das persoas participantes.
O percorrido desenvolverase sobre un circuíto que combina asfalto e sendeiros de area, mesturando treitos urbanos con contornas naturais nunha volta de 5 quilómetros practicamente chan e con escaso desnivel.
Tras iniciar a marcha na rúa da Liberdade en dirección a Samos, o itinerario continuará cun xiro á dereita pola rúa Castelao e, á altura do cuartel da Garda Civil, seguirá cara á Ponte das Aceas.
Desde alí, o trazado regresará pola zona do campo de fútbol ata enlazar coa estrada de Monforte, retomando posteriormente a rúa Castelao e pasando polas inmediacións do pavillón de baloncesto e da piscina, ademais de cruzar a área do hotel Alfonso IX, antes de encarar o tramo final ata o Malecón do río, onde estará situada a liña de meta.
A actividade forma parte do XII Circuíto Leader Miño Ulla de Carreiras Populares e espérase que reúna a numerosas participantes e participantes nunha xornada que combinará actividade física e compromiso social.