A Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés controlará o paso dos peregrinos

SarriaXa
O proxecto, baixo o nome de Camiño 360 º, vén de saír a licitación por 751.000 euros e está financiado polos fondos Next Generation
mancomunidade-camiño-frances
18 Xul 2024

A Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés porá en marcha unha nova plataforma turística intelixente cun sistema para contabilizar os peregrinos que pasan pola ruta, ademais de crear unha aplicación móbil e unha páxina web e levar a realidade virtual a bens dos once concellos polos que pasa.

O proxecto, baixo o nome de Camiño 360 º, vén de saír a licitación por 751.000 euros e está financiado polos fondos Next Generation a través do Ministerio de Industria e Turismo.

Concretamente, o sistema de control de fluxo das persoas que pasan pola ruta xacobea permitirá obter datos e estatísticas do número de peregrinos que percorren os diferentes concellos a través dun sistema de cámara de videovixilancia, podendo coñecer o número de persoas que pasan por un punto concreto a tempo real.

Ademais, un recurso turístico de cada concello será dixitalizado para que os visitantes poidan coñecelos antes de pasar por eles, podendo acceder a unha videoguía, audioguía ou signoguía, dirixida a persoas con dificultades auditivas.

Desta maneira, combinarase a realidade virtual e aumentada para que o peregrino poida coñecer ditos recursos a través do seu teléfono móbil, vivindo unha experiencia inmersiva e podendo crear novos espazos de interacción.

A alcaldesa de Triacastela e presidenta da Mancomunidade, Olga Iglesias, di que Camiño 360º busca adaptarse ás novas tecnoloxías sen perder a esencia milenarias das peregrinacións.

0.17379903793335