A Mancomunidade do Camiño Francés levará a súa promoción ata Gran Canaria en outubro

A Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés continúa a súa labor de divulgación e internacionalización da ruta xacobea e prepara unha nova acción promocional para o vindeiro mes de outubro. Entre os días 1 e 4, unha delegación da entidade desprazarase ata Gran Canaria, onde realizarán un tramo do Camiño que atravesa a illa de norte a sur, inspirado nunha antiga lenda sobre mariñeiros que se encomendaron ao Apóstolo Santiago.
Esta iniciativa nace coa vontade expresa de render homenaxe á xuíza Reyes Martel, titular do Xulgado de Menores número 1 de Las Palmas, polo seu compromiso continuado co Camiño Francés. Dende hai anos, Martel promove que menores tutelados participen na ruta xacobea como parte dun proceso de aprendizaxe, superación e crecemento emocional.
Con este xesto, a Mancomunidade quere recoñecer a importancia deste proxecto educativo e social, ao tempo que reforza a presenza simbólica do Camiño Francés noutras rexións do Estado.