A maquinaria adquirida polo Concello de Samos permitiu "dobrar o ritmo de traballo na limpeza e desbroce de pistas"

O Concello de Samos ampliou o seu parque de maquinaria co fin de manter as vías municipais en bo estado ao adquirir un tractor e unha mini pa co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Estes vehículos polivalentes son un equipamento para realizar diferentes tarefas de limpeza, desbroce e mantemento en vías e espazos verdes ao longo das 24 parroquias do municipio.
O tractor conta cunha desbrozadora lateral e coitela para a neve, así como rampas de remolque para o desprazamento da mini pa, que ten dous cazos. A este equipamento, súmase unha máquina hidrolimpadora para limpar muros, beirarrúas ou varandas.
A alcaldesa de Samos, Chus López, explicou que “a incorporación desta nova maquinaria permitiunos dobrar o ritmo de traballo na limpeza e desbroce de pistas municipais nos últimos dous meses, xa que agora dispoñemos de dous tractores, e tamén nos permite afrontar o inverno con maiores garantías de sermos capaces de actuar cando se requira. Ademais, a mini pa danos a posibilidade de facer pequenas obras con medios propios, abaratando os custos”.
Ademais, subliñou a necesidade “da colaboración institucional para executar este investimento, que o Concello non podería facer só con recursos propios”.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, valorou “o esforzo orzamentario e de persoal que o mantemento das vías municipais supón especialmente para os concellos rurais, onde estas infraestruturas son básicas para a mobilidade e tamén para o desenvolvemento das actividades agrogandeiras e forestais”.
A area de Rural da Vicepresidencia da Deputación achega un total de 93.000 euros para a adquisición destes vehículos, reforzando a colaboración que a entidade provincial mantén co concello a través do Plan Deputación cun investimento previsto de 282.000 euros para 2024.