A masterclass da ximnasta Polina Berezina do o Club Xirandela de Sarria foi todo un éxito

A masterclass impartida pola recoñecida ximnasta Polina Berezina e organizada polo Club Xirandela de Sarria resultou todo un éxito, tanto pola alta participación como pola conexión que se xerou entre a deportista e as participantes. A xornada desenvolveuse cun programa completo no que se combinou o adestramento técnico coa parte máis artística e emocional da ximnasia rítmica.
A sesión comezou ás 15:45 horas co acceso e acreditación das ximnastas, seguido dun bloque inicial de técnica corporal entre as 16:00 e as 16:45 horas. A continuación, as participantes traballaron a expresión corporal ata as 17:45 horas, antes dun breve descanso. Polina Berezina retomou a actividade cunha sesión centrada no manexo dos aparatos de pelota e aro, que se prolongou ata as 19:00 horas.
A xornada culminou cun espazo dedicado ás charlas, fotografías e sinaturas, un momento especial que permitiu ás ximnastas achegarse á súa referente. A partir das 20:00 horas, as familias das participantes tamén puideron acceder ao recinto para gozar das dúas pequenas exhibicións que Berezina realizou xunto coas deportistas, clausurando así unha tarde inesquecible.
Desde o Club Xirandela cualificaron a experiencia como “un luxo de masterclass con unha ximnasta de luxo”, destacando non só o seu talento deportivo, senón tamén a súa calidez persoal e proximidade coas nenas. “É un orgullo para nós achegar ás nosas ximnastas aos seus grandes referentes, e aínda máis pola maneira en que o fixo Polina”, sinalaron desde a entidade sarriá.