A masterclass de zumba a favor de Diversa Infantil acollerá no Incio a máis de cen persoas

Este sábado, a partir das 16:30 horas, o pavillón do CEIP Ricardo Gasset encherase de música, ritmo e solidariedade coa masterclass de zumba organizada pola profesora Anita, en colaboración co Concello do Incio.
A actividade, que xa supera o centenar de persoas inscritas, ten un claro fin solidario: todo o recadado destinarase integramente á Plataforma de Diversidade Funcional Infantil da Comarca de Sarria, unha entidade que traballa pola inclusión real dos nenos e nenas con diversidade funcional.
Entre os participantes destacan o recoñecido zumba jammer Seluco Fernández e os instrutores Milos, Karen, Sheila, Marlla, Pilar e Tania, que se sumarán á causa cunha sesión cargada de enerxía, baile e entusiasmo. En palabras da organización, trátase dunha oportunidade para “bailar, compartir e contribuír a un proxecto que promove igualdade e inclusión”.
A cita comezará ás 16:30 horas e o prezo da entrada é de 12 euros para adultos e 6 euros para nenos. A actividade promete converter o pavillón do CEIP Ricardo Gasset nun punto de encontro entre deporte e solidariedade, demostrando unha vez máis a gran resposta da veciñanza do Incio ante as iniciativas que buscan mellorar a vida das persoas máis pequenas e vulnerables da comarca.