A Matemaxia foi o colofón antes do Nadal no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria
O alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria puideron desfrutar no seu último día de escola previo ás vacacións dunha sesión de MateMaxia.
Este espectáculo correu a cargo da man de Roberto Lolo, un mago afincado na zona que ten unha gran vinculación coa vila de Sarria.
Na actuación, preparada de maneira específica polo artista para o instituto sarriao os asistentes puideron desfrutar de trucos que enlazaban numerosos conceptos matemáticos, combinacións imposibles, figuras xeométricas, cálculo, etc.
O gran Showman fixo as delicias dos asistentes que colaborou na divulgación do Club de Ciencia do instituto, unha actividade de innovación educativa que estrearon este ano no centro escolar.
Matemaxia
É o termo coñecido e utilizado para referirse á maxia que utiliza propiedades matemáticas para producir efectos nos asistentes. A primeira vez que se utilizou o termo matemaxia foi no libro " Mathemagic: Magic, Quebracabezas and Games with Numbers" publicado en 1933 por Royal Vale Heath.
Este é un libro onde aparecen moitos efectos baseados en propiedades numéricas, fundamentalmente do tipo "acertar o resultado" ou "acertar o número pensado", diversos xogos con cadrados e triángulos máxicos, e algúns trucos para facer operacións de forma rápida con números grandes. Este libro é considerado xa un clásico da bibliografía matemáxica.