A maxia das parroquias: Chorente
A parroquia de Chorente do municipio de Sarria está ao sur da vila, na Terra de Froián e na cabeceira do río Celeiro, entre os montes Cotarelo e Oural.
Esta parroquia ocupa 6,5 quilómetros cadrados e en 2022 contaba con 371 habitantes, unha boa cantidade de persoas, tendo en conta que a media de cidadáns sempre roldou esas cifras. Así, en 2021 a poboación de Chorente era de 371 persoas tamén, mentres que en 2019 había 363. Houbo mellores momentos, xa que en 1991 había 530 persoas, pero en xeral a media é de 300 persoas vivindo nesta parroquia do sur de Sarria.
Actualmente, como nos conta un veciño, hai unas 33 vivendas e catro explotacións gandeiras en activo.
Ademais, contan cunha asociación de veciños que organiza actividades e convivencias entre os veciños, así como tamén demandan melloras e denuncian situacións que, ao seu parecer, son inxustas para os habitantes do pobo.
Ao redor de Chorente, o Monte de Cotarelo, de 750 metros de altitude, e o Monte de Oural, de 670 metros, forman a paisaxe que poden ver os veciños desde as súas casas.
Por outra parte, o Rego das Lagas forma a cabeceira do río Celeiro, xunto co Rego de Santigoso e o Rego de Portiño que, unidos, forman a rede hidrográfica de debaixo da Ponte de Amboade que se liga co Rego de Barbadelo que baixa desde Santa Icía.
A Igrexa de Chorente
A Igrexa de San Xulián de Chorente está localizada no medio da parroquia, con casas de veciños a escasos metros e separada en varias pisadas do seu cemiterio, que se atopa subindo a rúa na que está construída.
Esta igrexa, que pertence ao municipio de Sarria, ten historia desde mediados do século XII, xa que hai un documento da condesa Fronilde, señora do mosterio de Santa María de Ferreira de Pantón, que está datado do ano 1171.
A porta da igrexa de San Xulián de Chorente é de arco de medio punto formado por dúas arquivoltas. A interior abarca un tímpano liso que se apoia en xambas mediante impostas sen decoración; mentres que a exterior é de baquetón e elévase sobre columnas con decoración de aves debuxadas.
A construción do muro está datada no 1766, segundo a inscrición gravada no lintel da porta de acceso, unha capela que se cubre cunha bóveda de cruzaría.