A maxia das parroquias: San Mamede da Chanca

SarriaXa
A maxia das parroquias: San Mamede da Chanca
A chanca portada
5 Feb 2023

A Chanca é unha das parroquias que conforman o municipio de Sarria e contén a histórica Igrexa de San Mamede, que tamén dá nome a esta parroquia.

A Chanca é a parroquia de Sarria situada ao sur da vila, que linda coas parroquias de Santa María de Albáne e Piñeira ao norte, con, San Pedro de Froián ao leste, ao sur con San Xulián de Chorente e ao oeste con San Miguel de Piñeira.

A súa superficie é de aproximadamente 2,8 quilómetros cadrados, nos que viven actualmente 30 persoas, 6 menos que en 2021 e 27 menos que hai 30 anos, como se establece nos rexistros.

Segundo o Dicionario Madoz, esta parroquia está situada nunha paraxe elevado con boa ventilación e cun clima frío e húmido.

Tamén fala do terreo, do que di estar cuberto de carballos, castiñeiros e outras árbores froiteiras; e do camiño que  se dirixe a Sarria, con lugares limítrofes en mal estado. 

Na parroquia da Chanca hai catro explotacións en activo de gando vacún e porcino e os veciños cultivan centeo, patacas, millo, liño, castañas, nabos, herbas e pastos.

Ao seu unha parroquia pequena, non conta con centros deportivos nin escolas. As persoas que viven dentro desta parroquia traballan na comarca de Sarria e os nenos e nenas van ao colexio públixo Antonio Fernández López do Oural.

Nesta parroquia podemos atopar o Monte de Tribui, que ten 642 metros de altitude, e o Monte da Valiña.

Tamén pasa por esta parroquia o río Celeiro, que recolle as augas do rego de Barbadelo e baixa desde Santa Icía, dos regos de Teilonxe, Laxe, Piadoso e das Lagas.

A pouca entidade da parroquia fai que se deixasen de celebrar as tradicionais ruadas, que ás veces se organizaban.

Para chegar á parroquia de San Mamede da Chanca hai que ir pola estrada de Nadela a Ourense a través dunha pista que está na Valiña. Hai varios ramais ás casas e hai unha vía para acceder tamén á parroquia de San Miguel de Piñeira.

A Igrexa de San Memede

A igrexa parroquial de San Mamede inclúe o templo e un cemiterio no adro.

É un templo de construción moderna, de cruz latina formada por dúas capelas laterais. 

Contén catro arcos de arista, capelas laterais e unha nave que soportan a parte máis elevada do templo, unha cuberta  a catro augas, que parece destinada para cúpula. 

A fronte ten unha porta alintelada e dous ventanais laterais, outros dous ventanais sobrepostos, un óculo e unha torre de cemento. 

O pórtico interior, de acceso, está formado por dúas pilastras para apoiar a torre e o presbiterio está á altura da nave, mentres que a sancristía sitúase na parte posterior.

No seu interior conserva un retablo neogótico e tallas de San Mamede, San Francisco de Asís, Santo Antonio e San Roque. Todas elas pertencen ao século XVII. A escultura de San José corresponde a un século posterior. 

Todo o templo está revocado de cal, agás as parte máis nobles que son de granito.

Nunha das xanelas hai unha inscripción que relata “1878 SIENDO PARROCO DON JOSE RODRIGUEZ TRIBUI”.

Historia da igrexa

Durante a Idade Media, a igrexa parroquial de San Mamede foi unha das casas maiores vinculadas ao mosteiro de Santiago de Barbadelo, aínda que despois acabou dependendo do convento de Samos. 

En 1753, en plena Idade Moderna, a freguesía era de señorío particular da Condesa de Lemos, Marquesa de Sarria, e por esa razón percebía dos veciños leigos do Estado Xeral.

Estes, tiñan xugada de labranza, a Renda de Fanegas e servizos, e que lle producía en cada un ano quince ferrados de centeo e once reais vellón.

A parroquia estaba no  Arciprestádego de Sarria e formaba curato con San Xulián de Chorente e San Sadurniño de Froián, sendo de provisión laical da Casa de San Sadorniño.

Xa na Idade Contemporánea formou parte do Partido de Froián da Xurisdición e Marquesado de Sarria e en 1818 intégrase na "Xunta de Pobo de Sarria".

No 1820, pasou a formar parte do Concello de Sarria.

O edificio relixioso foi obxecto de estudo por parte de Elías Valiña Sampedro, un dos maiores impulsores do Camiño de Santiago.

Parroquia A Chanca 2
Parroquia A Chanca 3
Parroquia A Chanca
0.19284987449646