A maxia regresa ás parroquias de Sarria da man de Roberto Lolo

O Concello de Sarria volve apostar por unha proposta cultural de proximidade coa celebración do III Encontro Máxico no Rural, unha iniciativa que regresará os días 22 e 23 de novembro de 2025 para encher de ilusión e entretemento as parroquias do municipio.
O programa, que recupera o espírito das edicións anteriores, busca fomentar a participación veciñal e garantir que a cultura chegue a todos os fogares independentemente da súa localización.
O mago sarriao Roberto Lolo, un dos artistas máis recoñecidos da comarca, será o encargado de coordinar esta edición, ademais de levar a súa arte aos diferentes escenarios. Segundo o Concello, o obxectivo é ofrecer dous días de espectáculos pensados para todos os públicos, cun formato que combina proximidade, humor e fantasía.
Nesta terceira edición, o evento amplía o seu alcance e desenvolverase en seis parroquias: Barbadelo-Vilei, Fonteabuín, A Pena, Vilamaior, Louseiro e Oural. Estes núcleos converteranse en pequenos escenarios para acoller aos ilusionistas participantes e ás familias que desexen desfrutar dunha fin de semana marcada polo asombro e o divertimento, nunha proposta que aposta polo encontro social e a posta en valor do territorio.
O III Encontro Máxico no Rural reafirma, segundo o Concello, o compromiso municipal coa descentralización cultural e coa promoción das artes escénicas en todos os ámbitos do municipio. Unha iniciativa que pretende sorprender e emocionar un ano máis, consolidándose como unha cita imprescindible no outono cultural sarrián.