O Festival Terra Brava do Incio acaba de anunciar unha incorporación que promete revolucionar o ambiente da súa próxima edición: a participación da Mekánika Rolling Band, unha das charangas máis tolas e festeiras de Galicia.
A cita será o sábado 16 de agosto na parroquia de Cruz do Incio, onde a música, o humor e o espírito máis enxebre se darán a man nunha das festas máis queridas da comarca.
Co seu habitual entusiasmo, a organización anunciou nas redes sociais que "vai ser a encargada de prender a mecha da troula… e xa sabedes o que pasa despois!", anticipando unha noite de festa desenfreada.
A Mekánika Rolling Band é coñecida pola súa mestura explosiva de ritmos populares, punk brass, espectáculo itinerante e interacción co público. O seu estilo gamberro e festivo convertiunos nunha referencia nos festivais e festas patronais por todo o país.
A presenza da charanga no Terra Brava augura unha edición especialmente animada, fiel ao espírito do festival, que cada ano reúne veciñanza e visitantes ao redor da música, a tradición e o bo ambiente no corazón do Incio.