A miña naiciña

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Noelia Castro Yáñez O primeiro que se me ocorreu facer á hora de comezar esta columna foi buscar a definición de nai no dicionario da RAG e atopei isto: muller, ou femia en xeral, que tivo un ou varios fillos.
14 Jan 2023

Noelia Castro Yáñez

O primeiro que se me ocorreu facer á hora de comezar esta columna foi buscar a definición de nai no dicionario da RAG e atopei isto: muller, ou femia en xeral, que tivo un ou varios fillos. E non fixen máis que estar en profundo desacordo. Motivo polo cal, pechei de novo o aparello no que estaba a escribir e deixei un documento en branco con tan só unha liña solitaria ao comezo. Pode que non fose unha decisión acertada neste caso, pero é o que acostumo a facer cando teño un problema semántico, buscar no dicionario. Transcorreu o día cunha pasmosa normalidade ata que pola tardiña decidimos ir ao cine ver unha estrea mundial, Avatar. E aí xa deron unha definición que me gustou máis, porque acae mellor, un pai protexe á súa familia, este é o mantra que o exmarine Jake Sulli se repite a si mesmo durante varias etapas da súa nova vida ao longo de toda a película.

Cando teño unha preocupación, ou algo me perturba o maxín, adoito ver sinais por todas partes, todo me recorda á teima que me ocupa, querendo ou sen querer. Falo coa nai do meu alumno P. que me vén traer un galano que quedou baixo da súa árbore esquecido porque no papel poñía o meu nome. Falo con ela e lembro conversas que manteño con moitas nais e pais ao longo das semanas. É ben certo iso de que non hai un manual de instruccións para cos fillos, e permítome recordarlle que o está a facer moi ben, porque toma todas as decisións procurando o mellor para o seu pequeno homiño preuniversitario, polo que todas son boas. Independentemente de que se esté a equivocar, decide procurando a felicidade do seu fillo. Iso é o que sempre fixo a miña nai, antepoñer a miña felicidade.

Priorizarme por riba do seu alento na meirande parte das ocasións. Hai unha frase que repite a miúdo, cando debatimos sobre a educación dos agora máis cativos da casa: “A mellor herdanza que che puiden deixar foi formación e educación.” E, efectivamente, se hoxe son Matemática, así con maiúsculas, é por obra e graza da miña nai. Porque cada vez que a chamaba sen folgos querendo deixar a carreira, sabía o que me había dicir. Lonxe da realidade idílica, a súa contestación acostumaba a ser, “Bueno, vente, mañá érgueste ás cinco da mañá e téñoche eu traballo no que non teñas que empregar a cabeza”. Malia que moitas veces eu pensase que o que precisaba eran palabras de alento, a ela funcionoulle, porque nunca me vin de volta para traballar e sempre avoguei por erguer a cabeza e seguir, ou mellor dito, baixar a cabeza e seguir estudando malia que me escorresen as bágoas polas meixelas. Non terei a nai máis doce do mundo, pero para min si que foi a millor. E os que temos esa sorte, de ter uns pais entregados e bós, nunca agradecemos o suficiente a dedicación e empeño que poñen en facer de nós unhas boas persoas, aspiración máis grande sempre de Belén.

Se todo poder conleva unha gran responsabilidade, non me cabe dúbida de que a de ter un fillo é das máis difíciles, e probablemente tamén das máis satisfactorias, pero para todo hai que valer. Todos estamos de acordo en que nai é a que cría, e hai maneiras e maneiras de criar. Dixo Mandela que nada di máis da alma dunha sociedade que a maneira en que trata aos seus fillos, e coido que deberamos reflexionar sobre isto, sobre o que estamos a facer cos máis novos, e digo facer, e non dicir, porque son das que pensan que educar pasa por exemplificar. Aínda que sone a tópico, cada vez estou máis de acordo en que somos o que vemos na casa. Porque a primeira mestra dun neno é a nai, nais que me din que ter un fillo é coma partir o corazón en anacos para entregarlles un pedaciño a cada un. Por iso non hai termo para cando unha nai perde un fillo, porque non hai palabra capaz de cuantificar tanta dor.

Malia que nos semelle sempre que son demasiado duros para nós, é certo o que di Poncela, por moi severo que sexa un pai xulgando un fillo, nunca é tan severo coma un fillo xulgando un pai. Todo canto son, débollo á miña nai, porque foi a nai perfecta, porque para iso, hai un millón de maneiras de ser unha boa nai. Pode que non esté ao alcance da nosa man preparar o futuro para os nosos fillos, pero podemos preparar aos nosos fillos para o futuro. Por eso me fai tan feliz o meu traballo, porque podo participar na formación de ducias de futuros científicos, ou polo menos, de ducias de boas persoas, que é o realmente importante.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.15254807472229