A Mostra de Teatro Iván Tourón Morais acolle maña venres un espectáculo infantil
A Mostra de teatro infantil Iván Tourón Morais, que se está a celebrar no concello de Sarria da man da asociación Rebuldeira Teatro, busca achegar esta disciplina a nenos e adultos durante todo este mes e ata o vindeiro outubro.
Así, maña venres 23 de setembro, celebrarase na Casa da Cultura de Sarria ás 17.30 horas da tarde o espectáculo da compañía Trinke Trinke Teatro, cos seus particulares ratos de Lonxedetodo.
Cos seus mellores desexos e tras dous difíciles anos por mor da pandemia da covid-19, os ratos de Lonxedetodo volven a Sarria con ilusión e un repertorio cargado de contos de aventuras que versan sobre a paz, o respecto á natureza, a igualdade e o respecto á diversidade.
Buscan que público de tódalas idades o pase ben coas súas cancións e interatúe e participe na obra.
A COMPAÑÍA
Trinke Trinke Teatro é unha organización de orixe coruñesa que intenta potenciar a lectura dende o teatro. Os condutores das actividades para nenos de 3 a 8 anos, son uns personaxes fantásticos: os ratos da biblioteca, que proceden dun lugar chamado Lonxedetodo, onde os libros e a lectura ocupan un lugar sobranceiro na vida da comunidade.
Promover a lectura e estimular a sensibilidade, a imaxinación, a creatividade e o espírito crítico dos nenos a través da narración dos contos, están entre os seus obxectivos principais.