A Mostra Iván Tourón Morais de Sarria chega esta fin de semana ao seu fin
Esta fin de semana remata a Mostra Iván Tourón Morais que estaba a desenvolverse no municipio de Sarria coa representación de distintas obras de teatro e baixo a dirección de varias compañías teatrais.
A iniciativa que tivo a súa orixe grazas ao grupo Rebuldeira Teatro (propio da vila), ofrecerá hoxe venres día 14 unha obra de teatro infantil da Saga de Flin Havardr, de Trécola Producións. A partir das 17.30 horas na Casa da Cultura de Sarria.
Rematará o domingo día 16, coa representación ás 20.00 horas de No fío das Historias, da compañía Alentía Teatro.
Sinopse
Eran as sagas unhas cantigas á heroicidade dos grandes guerreiros vikingos, fortes e valentes, que abandonaban as súas terras ermas e denostadas polo clima do norte, para zarpar nos seus drakar e conquistar outros pobos na procura de alimentos e tesouros.
Non é o caso de Flin Havardr... un pastor que tras albiscar nun sono as súas proezas como vikingo, emprendeu unha viaxe inesperada acompañado por unha tripulación canto menos peculiar, non especialmente fortes nin valentes, pero si sobrados de creatividade. Tras moitas aventuras, conseguirán chegar á mellor de tódalas terras a conta da morriña dun dos seus tripulantes. Queda por ver se conquistarán ou serán conquistados...
Trécola Producións
Levan máis de 13 anos vivindo o mundo das marionetas, son a segunda xeración dunha compañía creada no ano 1981 cuns obxectivos que seguen a manter como a dignificación e protagonismo das marionetas como ferramenta artística no teatro.
A súa proposta escénica está baseada en anos de experimentación no manexo e construción de diferentes tipos de marionetas, sempre ideando a mellor opción segundo as necesidades da personaxe ou escena.
Tentan fomentar, sempre dende o divertimento, valores coma a igualdade, o respecto e o apoio mutuo. Ven de vital importancia unha educación emocional positiva así como de respecto pola natureza.
Neste momento teñen oito obras en repertorio e dende o seu comezo como responsables da compañía dezaoito montaxes estreadas na súa maioría creadas dende a nada e construíndo escenografías, estruturas, marionetas e guións, deseños de iluminación, selección de músicas e vestiarios.