A música louzariña voa entre xeracións
No Val de Lóuzara son moitos os artistas que foron tecendo unha fonda tradición musical que perdura ata arestora. Dende logo, se por algo destacan os nados neste entorno é por seren grandes amantes da festa e a danza. Xa o dicía o refrán: "Os louzariños, loucos ou bailariños", dando así a comprender que calquera habitante do val que non gustase da troula debía de estar tolo. Non resulta estraño, por tanto, revisar os numerosos grupos musicais que foron artellándose ao longo dos anos no núcleo samoense.
Xermán González, saxofonista que viu a luz na década dos sesenta en Bustofrío, recorda emocionado como a paixón por tocar un instrumento espertara nel dende ben cedo: "Posto que na casa non tiñamos televisor nin radio, as festas eran o único intre no que podía gozar da música", explica. Á par, conta que nestas celebracións trataba de poñerse decote ben preto da orquestra e afinar o oído para así memorizar cada melodía; esas que logo asubiaría volvendo da escola, gardando o gando ou arando a terra.
Porén, se unha estación, aparte do estío, lembra González estreitamente vencellada á música esa é a primavera: "É cando na caña do castiñeiro sobe o zume. Os meus amigos e eu retorciámola, sacabámoslle o pau e ficaba a cáscara fóra. Despois labrabamos a punta e faciamos varios buratos para acadar unha especie de frauta".
Igual ca outros cativos xogan a arremedar aos ídolos que ven a través das pantallas, Xermán desvela que botando man de tal instrumento improvisado de vento, el e mailos seus compañeiros intentaban imitar aos músicos que atopaban nas festividades de cada aldea.
"Tiñamos a sorte de ter referentes de formacións louzariñas e dos arredores. Non sentiamos a necesidade de ir buscalos fóra"
González garda unha foto da Orquestra de San Cristovo; unha das agrupacións máis sonada da zona louzariña. "Eu non acordo velos tocar, mais na casa sempre escoitaba aos meus pais chufalos. Supoño que por iso se tornaron para min un modelo a seguir", sinala ao tempo que aproveita para remarcar: "Que a xente proseguise co tempo falando deles, aínda unha vez disolto o grupo, xa di moito da súa ampla calidade artística".
Porén, os que si puido desfrutar moitas veces en directo resultaron ser Os Padernes, un grupo orixinado no Courel pero imprescindible en todas cantas festas había no val.
"Admirábaos a todos, pero en quen máis me fixaba era no saxofonista, Manuel, e o trompetista, O Chelo, o cal ademais exercía as funcións de cantante. Asemade, tamén me gustaba moito Gerardo, o percusionista". E neste senso, aproveita para reivindicar: “Nunca me pareceu ben que o rol dos percusionistas ficase nun segundo plano, pois son unha parte moi importante da actuación e .por desgraza, moitas veces non se lles dá o valor que tanto merecen”.
Outra agrupación musical a salientar, esta de cheo louzariña, é a a dos de Rexoá. O conxunto musical creouse nos anos cincuenta e, tras pasar por un período de desintegración, regresou aos escenarios nos oitenta: "Nesa segunda ocasión xa non traían instrumentos de metal, tan de moda na década dos anos cincuenta" explica Xermán, quen recorda velos presentarse ante o público con gaitas de fol e tocando cancións tradicionais galegas.
"A verdade é que tivemos a sorte de poder ter os nosos referentes en formacións louzariñas e dos arredores. Por iso, non sentiamos necesidade algunha de ir buscalos fóra", conclúe González, quen lembra como comezara a dar os seus primeiros pasos no estudo musical por mor dun crego que chegara á aldea en sustitución da súa mestra.
“Recordo que nos quitara as cartas coas que estabamos a xogar na aula e que de inmediato nos obrigara a poñernos coas leccións de solfexo”, relata entre risas para de seguido admitir: “Pese ao meu amor por esta arte, ao principio resultárame arduo o seu estudo. Eu naquel entón quería tocar de oído, ao meu xeito”.
“Era unha formación que reivindicaba e respectaba o camiño que os seus antecesores deixaran para eles. Como ten que ser”
Toda esta fornada de talento foi facendo vibrar ao val coas notas dos seus pasodobres, valses, muiñeiras, xotas, rumbas etc. Xermán recorda, en especial, La Yenka e La chica de la boutique, un tema que continúa estando entre os seus favoritos. Non obstante, se hai un intre que el rememora con especial estima é o acontecido no San Xoán do ano 1984. Namentres España xogaba contra Dinamarca na Eurocopa e o Lugo ascendía a segunda división, os louzariños atendían á troula que corría a cargo duns artistas da Pobra de San Xulián
"Cando se foi aproximando a hora de dar a despedida, a orquestra decidiu facelo tocando o Himno Galego. A miña sorpresa foi maiúscula cando vin como os presentes pararan de bailar para escoitar conmovidos a interpretación de Os Pinos".
Xermán saca ademais á luz unha colección de imaxes que garda doutras agrupacións propias do Val de Lóuzara. Vense, por exemplo, aos Tunos e a ao Caxeno de San Juán definido por moita xente, xunto ao Victorio, como “uns grandes gaiteiros” , aos cales sería ben ter en conta para futuras homenaxes: “ Sen dúbida, nos últimos tempos fican un pouco apartados, case no esquezo e así resulta moi difícil que as novas xeracións poidan acceder á súa labor tan impresionante”, lamenta González.
Tamén, outro dos grupos ben prezados que cabe ter sempre na memoria é o de: “Os Louzariños”. Este fora mudando de nome e integrantes desde finais dos anos vinte, mais nos albores dos noventa estaba conformado por Antonio Blanco, coñecido como O Cereixo, quen tocaba a caixa; Evaristo de Paredes, encargado do saxofón; e José Antonio Pérez, ao mando do bombo. O grupo continuou en activo ata ben entrado o novo milenio, chegando a colleitar bastante éxito e actuando en diversos eventos, mesmo algún destes organizado pola Televisión de Galicia. Xermán González viaxou con eles en outubro do 2001 ata Touro, lugar onde se gravaba o programa Luar. Recorda esa noite como unha velada repleta de expectación; moitos dos veciños acompañaran aos artistas ata Santiago para arroupalos e cando por fin lles tocara saír ao escenario a ovación fora a máis grande da noite. "Foi motivo de moito orgullo. O Cereixo levaba dende ben novo dedicándose á música profesionalmente, e era o único membro fundador do conxunto que ficaba vivo nalquel tempo. Cabe destacar que sempre foi unha formación fiel aos seus principios, a cal reivindicaba e respectaba o camiño que os seus antecesores deixaran para eles", detalla González. "Velos aló arriba era ver aos demais, aos que por desgraza xa non estaban".
"Hai que continuar non só creando música senón tamén espallando esta por todos os recunchos ,como eles facían”
Non hai moitos anos que Xermán decidiu montar un grupo entre coureláns e louzariños, onde ,para ledicia súa, atopouse partillando escenario con algún deses músicos aos que el asexaba nas festas de pícaro. “Para min é toda unha honra estar ao carón de Xoán de Romeor, un artista cunha abundante traxectoria e ao cal eu admiraba tanto de pequeno”, confesa. E así, informa de que esta agrupación de amigos xermola coa idea de interpretar temas pasados e compoñer outros novos, mais sen esquecer o fundamental: "Hai que continuar non só creando música senón tamén espallando esta por todos os recunchos ,como eles facían”, afirma.
Deste xeito, salienta que cómpre non deixar morrer as alboradas: “Que os músicos de mañá cedo vaian tocando mentres visitan cada
casa é un xeito tradicional de chamar aos veciños á festa, Non, non debería de asolagarse”, recomenda. Ademais de manifestar que tamén sería importante que houbese moita xente nova implicada en proxectos conxuntos: “Sabemos que por aquí hai mocidade que ten grandes dotes para a música, mais gustaríanos velos abandeirando un proxecto que levase o nome de Lóuzara por diante”. De feito, a última iniciativa xuvenil deste tipo foi levada a cabo no 2003, coa posta en marcha da Banda de Gaitas de Samos, a cal fora recibida con moi boa aceptación, chegando incluso a publicar un disco.
Non cabe dúbida de que para que a cultura musical deste enclave manteña a súa saúde é preciso involucrarse de maneira directa, sen obviar todo ese legado incontable que os predecesores deixaron. “Porque un pobo debe ser coidadoso co traballo dos seus músicos, os cales levaron tanta ledicia ás persoas en circunstancias, moitas veces, ben complicadas”, reclama Xermán. Non se debe, en consecuencia, facer oídos xordos a ese son que os louzariños máis saudosos cren escoitar, ás veces, mentres ollan o vello val; un fío musical que vai voando, resgardado nas ás de tantas xeracións e que ogallá teña durante moito tempo xente disposta a ouvilo, apañalo e proseguilo.