A música tradicional galega resoará en Samos o 1 de xuño

O 1 de xuño terá lugar en Samos un acto musical que celebra as raíces da música tradicional galega.
A partir das 19:00 horas, a Praza Vergara Vilariño converterase no escenario de 'Cantos de raíz. Da raíz do canto', unha proposta que reúne voces e melodías que beben da tradición oral e da lírica popular.
O grupo Cantar Delas, baixo a dirección de Fernando Gómez Jácome, será o encargado de interpretar un repertorio que mestura cancións tradicionais galegas, portuguesas e das Azores, así como adaptacións de poemas de autores como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Luís Rivas Cruz.
Entre os temas que soarán destacan pezas como Alalá de Triacastela, Negra sombra, María Soliña, Unha mañá de setembro ou Romance da Lavandeira, todas elas arranxadas e dirixidas por Gómez Jácome, con colaboracións de músicos como Julio Domínguez ou Ana Vázquez Silva.
O programa inclúe tamén a actuación das Cantareiras de Samos, que interpretarán temas tradicionais como Agarrado Vila da Igrexa, Xota e muiñeira de Zanfoga e Xota de Caroi, mantendo viva a tradición musical da comarca.
O evento conta co apoio da Deputación de Lugo e enmárcase dentro das actividades culturais que buscan poñer en valor o patrimonio musical galego, promovendo a súa transmisión entre xeracións e a súa presenza nos espazos públicos.